20 de ago. de 2020

TOMIÑO

Tomiño consolida a implementación da compostaxe para mellorar a xestión do lixo no municipio 

O Concello fixo onte pola mañá a entrega da primeira remesa de 30 composteiros individuais, dentro da 2ª fase do Revitaliza 

 

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño presentou onte á veciñanza a segunda fase do Plan Revitaliza de compostaxe individual e comunitario, procedendo á entrega da 1ª remesa de composteiros (30 unidades) a cidadáns que levaban tempo agardando por eles.  

 Presidiu o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, agradecendo o interese da cidadanía por contribuír á redución do lixo que xera o municipio e cuxo transporte e tratamento ten custes moi elevados, non só dende o punto de vista económico, senón tamén ambiental. “O Concello de Tomiño vai tentar consolidar un cambio de modelo na xestión do lixo, que hoxe por hoxe é un dos factores de maior contaminación do planeta. En colaboración coa Deputación de Pontevedra, a través do Revitaliza, aspiraremos a unha maior sustentabilidade do municipio”, explicou a alcaldesa.  

Na charla previa á entrega dos composteiros, as e os técnicos do programa explicaron o sistema de xestión dos residuos que leva a cabo na actualidade SOGAMA, dando a coñecer tamén datos sobre Tomiño, coma que o 90% do lixo que se tira vai ao colector verde, xerando un gasto inasumible para o Concello, xa que segue habendo déficit entre a taxa recaudada e o que custa o servizo.  

 Tras a explicación e consulta de dúbidas, procedeuse á entrega de 30 composteiros individuais cos seus complementos (termómetro e aireador), de cuxo uso farase un seguimento periodicamente.  

 Despois de case 4 anos, desde que se adherira ao Revitaliza da Deputación de Pontevedra na súa fase 1, o Concello de Tomiño consolidará a medio prazo unha profunda mellora do sistema de recollida e tratamento de residuos, que se centrará na compostaxe individual e comunitaria, tentando acadar unha maior taxa de reciclaxe e unha xestión máis eficiente, xa que se evita o transporte a longas distancias dos residuos e se transforman, in situ, nun recurso como é o compost. Para isto tamén levarán a cabo accións de formación e seguimento das pautas para converter os residuos orgánicos en compost de calidade.  

 De aquí a final de ano, está previsto repartir ata 3.000 Composteiros individuais (COINs) e a instalación de 13 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCCs). Esta é unha terefa ardua, xa que debido á situación de pandemia, non se poden facer grandes reunións, como se faría en condicións normais. Así que se citarán por teléfono ou por carta aos veciños e veciñas para asegurar un número de asistentes, tanto para reunións de entrega de COINs, coma para usuarios dos CCCs.   

 En canto a CCCs, esta semana, comezou a instalación de bases sobre as que se situará un novo centro no núcleo do Seixo (estacionamento rúa Daniel Calzado), e para a vindeira semana, empezaranse as de Goián.  

 Outro servizo que se implementará é a creación de puntos verdes, onde os veciños poidan deixar restos de podas, que posteriormente serían triturados in situ deixando o triturado a disposición de quen poidan usalo nos seus composteiros, como estruturante. Aparte disto, tamén se estuda un servizo de préstamo de pequenas trituradoras, para poder usalas durante un período determinado nos seus terreos e aforrar o traslado ao punto verde.  

 O orzamento para este proxecto é de 528.104,50 euros, dos que o ente provincial achega o 86%, (456.018 euros) e o Concello o 14% restante (72.086,23 euros). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario