27 de ago. de 2020

OIA

O programa "Tic Emprendes" da Deputación de Pontevedra chega a Oia para impulsar a formación de guías de itinerarios en bicicleta  

Hai 15 prazas dispoñibles para persoas desempregadas de entre 16 e 30 anos e que, na actualidade, non estean cursando estudos regrados



Infogauda / Oia

  O Concello de Oia acollerá unha das 26 accións que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo en toda a provincia no marco do programa de inserción laboral Tic Emprendes. A actividade profesional elixida neste municipio, de acordo coas necesidades expresadas nunha enquisa entre a poboación obxectivo, é a de guía profesional para itinerarios en bicicleta, polo que as persoas participantes obterán a formación e a capacitación necesarias para desempeñala.

  O obxectivo do programa Tic Emprendes, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, é a formación, eminentemente práctica e centrada en temas de actualidade, así como a mellora da empregabilidade da mocidade que resida en localidades do rural, tanto para emprender e traballar por conta propia como para facelo por conta allea. Deste xeito o programa traballa a prol do asentamento da poboación no rural creando tamén oportunidades de desenvolvemento profesional.

  No caso de Oia optouse pola acción "Guía por itinerarios en bicicleta", centrada no turismo sostible e o lecer ao aire libre. No transcurso desta acción formativa, as persoas participantes obterán, entre outros, os coñecementos básicos para o deseño e a realización de itinerarios en bicicleta, o mantemento e condución de bicicleta en condicións seguras en grupos organizados. Ademais esta acción formativa conta cun módulo de autoemprego.

  A acción chegará a Oia a comezos do mes de outubro e ten unha duración de 125 horas lectivas, das que 100 horas serán de formación específica sobre as actividades de guía por itinerarios en bicicleta, e 25 horas en contidos relacionados co autoemprego ou creación de empresas. As sesións desenvolveranse en xornadas de 5 horas diarias polo que a duración total desta accións formativa desenvolverase o longo de 5 semanas. Ademais, as persoas participantes teñen dereito a unha bolsa de desprazamento de 13,45 euros diarios por día de asistencia.

  A iniciativa conta cun total de 15 prazas dispoñibles para a mocidade de Oia, dado que, de acordo coas bases do programa, están reservadas a persoas de entre 16 e 30 anos que, ademais, deben estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (trámite moi sinxelo que é posible realizar en liña), estar en situación desemprego, non estar integradas no sistema de educación ou formación regradas e residir nun dos 31 municipios do rural que participan nesta iniciativa (O Rosal, Oia, As Neves, Arbo, Crecente, A Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Fornelos de Montes, A Lama, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Campolameiro, Moraña, Barro, Meaño, Meis, Portas, Illa de Arousa, Catoira, Valga, Cuntis, Pontecesures, Vila de Cruces, Rodeiro, A Golada e Dozón).

  As solicitudes poderanse presentar ata 15 días antes do inicio do curso, preferentemente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Deputación: https://sede.depo.gal ou no rexistro do concello. Para mais información, as persoas interesadas poden contactar en https://www.depo.gal/tic-emprendes  e nos teléfonos: 886 217 320 / 986 804 100 extensión 47 321.

Ningún comentario:

Publicar un comentario