27 de ago. de 2020

TOMIÑO

Tomiño continúa ampliando a súa rede de compostaxe para unha mellora na xestión do lixo  

O Concello entregou este xoves 30 novos composteiros individuais dos 3.000 que ten previsto repartir ata final de ano. Tamén se instalarán 13 Centros de Compostaxe Comunitaria  
 

As e os técnicos do programa reuníronse cos novos compostadores e compostadoras no Pavillón da Carballa  
Foto: C.T.  
 
Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño continúa ampliando a súa rede de compostaxe coa entrega este xoves, ao abeiro da segunda fase do Revitaliza da Deputación de Pontevedra, de 30 novos composteiros individuais (COIN) a veciños e veciñas que os tiñan solicitado hai tempo. Con esta segunda remesa xa hai repartidas 60 unidades das 3.000 previstas ata final de ano, acción que se complementará, entre outras, coa instalación de 13 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCCs) e a creación de puntos verdes onde a veciñanza poida depositar restos de poda que serán triturados in situ, deixando o triturado a disposición de quen queira usalo nos seus composteiros como estruturante.  

 Como explicou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, o obxectivo da posta en marcha de todas estas accións é contribuír á redución do lixo que xera o municipio, cun transporte e tratamento que implica elevados custes, non soamente económicos, senón tamén medioambientais. Deste xeito, Tomiño busca consolidar un cambio de modelo na xestión do lixo que o converta nun municipio máis sustentable. 

O 90% do lixo, ao contedor verde 

 As e os técnicos do programa reuníronse cos novos compostadores e compostadoras no Pavillón da Carballa para aclarar dúbidas e explicar o sistema de xestión de residuos que está levando a cabo na actualidade SOGAMA, dando a coñecer tamén datos sobre Tomiño tan destacables coma que o 90% do lixo que se tira vai ao colector verde, xerando un gasto inasumible para o Concello, xa que segue habendo déficit entre a taxa recadada e o que custa o servizo. Durante a reunión a concelleira quixo agradecer tamén o interese e a disposición da veciñanza por contribuír de xeito activo á redución do lixo que xera o municipio. 

 Xunto cos composteiros individuais, os veciños e veciñas recibiron tamén os complementos precisos: termómetro, aireador e un manual de compostaxe. As e os técnicos encargaranse de facer un seguimento periódico para axudar á veciñanza a que obteña un compost de calidade.  

 Dado o interese que está suscitando esta entrega de veciños interesados en anotarse, dende o Departamento de Medio Ambiente informan que non é imprescindible mais,  para facilitar e axilizar a convocatoria a estas reunións, está a disposición na web do Concello un documento a través do que as persoas poden deixar os seus datos. Soamente haberá que cubrir o documento cos datos persoais e envialo despois ó mestre composteiro (miguel.martinez@tomino.gal). Este documento deberá asinarse cando se recolla o composteiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario