27 de ago. de 2020

A GUARDA

O concello aproba as contas do 2019 

· Cumprindo a regra de gasto a estabilidade orzamentaria e con endebedamento cero

Casa dos Alonso, sede do Concello de A Guarda
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda 

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, vén de dar a coñecer a súa "satisfacción pola aprobación da Conta Xeral do 2019, cumprindo así o obxectivo de ter as contas do 2019 en prazo,  para  remitilas ao  Consello de Contas que é o órgano que realiza a fiscalización externa".  

 Desde Praza do Reló, 1, indican que "as contas do 2019 contan con informe favorable de Intervención e tamén acadaron o ditame favorable da Comisión de Contas, e finalmente en sesión plenaria obtiveron a  aprobación da Corporación Municipal.  

 Nestas contas cúmprese a regra de gasto e a estabilidade orzamentaria, requisitos que se  estableceran no Plan Económico Financeiro aprobado o ano pasado e que foi necesario elaborar pola realización dunha serie de gastos extraordinarios e inaprazables acometidos durante o  2018, como a adquisición da Finca de Fínola por 280.000€.  

 A Conta Xeral de 2019  traslada un superávit de 756.671,6€,  e un remanente de Tesourería de 1.099.684,65€. Este remanente de Tesourería posibilitou incrementar en máis de 100.000€ as partidas de servizos sociais, para  dar cobertura a un maior número horas coas que cubrir a atención á dependencia das nosas persoas maiores, e posibilitará dar cobertura á maior inversión que se acometerá na localidade neste exercicio, relacionada cunha subvención do IDAE por un importe de 1.000.000€ para a substitución de  todo o  alumeado viario existente nas diferentes rúas e prazas de todo o territorio guardés por luminarias LED.  

 Coas Contas aprobadas o Departamento de Facenda está traballando na elaboración dos próximos orzamentos municipais para o 2021".

Ningún comentario:

Publicar un comentario