28 de ago. de 2020

TUI

EDUCACIÓN ACORDA MANTER DURANTE ESTE CURSO NO CRA MESTRA CLARA TORRES A AULA DE CALDELAS

·  O xefe territorial de Educación mantivo unha reunión de traballo hoxe co equipo directivo, Anpa e Concello  

·As familias solicitaran o traslado destes 18 alumnas e alumnos ao CEP de Caldelas, o que non se executará este curso pola situación ocasionada pola covid-19

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos responsables da aula de Caldelas 
Foto: X.G. 


Infogauda / Tui 

 O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Augusto Pérez Ares, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos responsables da aula de Caldelas (unha das que integran o Colexio Rural Agrupado (CRA) Mestra Clara Torres de Tui), así como cos representantes municipais e da Anpa do centro, co obxectivo de analizar a situación do centro.  

 Os pais trasladáronlle ao xefe territorial, a Inspección Educativa e a directora do CRA o seu desexo por cambiar esta aula ao Centro de Educación Primaria (CEP) de Caldelas e así trasladar a este colexio aos 18 nenos que a conforman. Deste xeito, deixaría de formar parte do devandito Colexio Rural Agrupado (CRA). 

 Segundo os informou César Pérez Ares, este curso non será posible, xa que dada a actual situación da pandemia, este aula quedaría conformada por dous grupos de 9 alumnos cada unha, xerando dous grupos estables de convivencia de baixa ratio. Por outro lado, de tomarse esa decisión, o CRA Mestra Clara Torres perdería dous profesores, véndose afectado o seu catálogo de mestres, creando un claro prexuízo ao Colexio Rural Agrupado. Ademais, as obras non se poderían acometer a tempo para o traslado dos alumnos ao CEP de Caldelas.   

 Diante desta situación, durante a reunión de hoxe acordouse que para o seguinte curso 2021/2022 a aula de Caldelas pasaría ao CEP desta parroquia de Tui, transformándose así co CEP en CEIP (Centro de Educación Infantil e Primaria). Con este fin, chegouse a un compromiso en firme co Concello de Tui de xeito que se executen as obras necesarias para o traslado de forma conxunta, obras que suporán a reforma de varias aulas para adaptalas aos cursos de Infantil. Deste xeito, desbótase, por informe negativo da Unidade Técnica da Consellería, a proposta de traslado aprobada inicialmente no pleno do Concello, xa que ocuparía espazos exteriores, desaparecendo o patio cuberto e un pequeno ximnasio, ao que tamén se opón o claustro do colexio.

 Os responsables da Anpa desta aula trasladarán agora a decisión tomada hoxe nesta reunión aos pais nunha próxima reunión para recoller a súas opinións sobre os acordos. 

 “Quero agradecer a maiores, que durante a reunión o Concello tamén nos dera traslado da súa decisión de colaborar facendo un importante esforzo coa limpeza dos centros, aplicando así co protocolo contra a Covid-19”, engadiu Pérez Ares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario