2 de xul. de 2020

TABORDA (TOMIÑO)

O Concello de Tomiño comeza a reparación da ponte tardomedieval de Taborda  


· En fases seguintes levarase a cabo a retirada dos tocos encaixados nas bases do arco, e logo procederase ao cimbrado da ponte e á súa reparación  


“Ponte do hospital”, en Taborda (Tomiño)
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de realizar a primeira fase dunha serie de obras programadas para a reparación e conservación da ponte tardomedieval de Taborda, máis coñecida coma “Ponte do hospital”. Trátase dunha ponte do S.XVI (finais da Idade Media) en cantería irregular, dun so vano e cunha lonxitude de 7 metros sobre o río Cereixo, que daba paso a un antigo hospital existente na zona.  

 Tras unha inspección dos técnicos municipais de Urbanismo, observouse un deterioro importante debido, probablemente, aos fortes temporais sucedidos no inverno, que fixeron aumentar o nivel da auga de xeito acelerado pero, sobre todo, á existencia de tres árbores de porte medio-grande, que tiñan as súas raíces encaixadas entre as pedras de apoio do arco. Os fortes e intensos ventos, fixeron que as árbores traballasen de forma negativa, producindo desprazamentos das pedras e afectando á estrutura. A maiores, os altos niveles de humidade dos troncos e raíces, ao empaparse, aumentaban o seu volume, favorecendo o desprazamento da cantería. 

 Inmediatamente, deuse parte á Policía local da situación, a cal procedeu ao valado da ponte, impedindo o paso de peóns e de vehículos agrícolas, habituais na zona.  

 Seguidamente, procedeuse á execución da primeira fase do arranxo e recuperación da estrutura tardomedieval, consistente na corta das tres árbores que medraban dende a base da ponte. A intervención realizouse de xeito controlado e por seccións, para evitar danos á construción, coidando de non afectar ademais a unha liña aérea de subministro de enerxía eléctrica que discorre sobre a ponte.   

 En fases seguintes levarase a cabo a retirada, por medios manuais, dos tocos encaixados nas bases do arco, e posteriormente procederase ao cimbrado da ponte e á súa reparación, despois de remitir o corresponde proxecto ao Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou a importancia de reparar e conservar os elementos históricos e monumentais do municipio, na medida das posibilidades da administración local, e lamentou que a Consellería de Cultura non teña unha partida para a recuperación de bens de especial protección, coma esta ponte, que precisan de traballos específicos por parte de profesionais especializados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario