Emotiva homenaxe a Daría González na recepción a súa familia na Deputación de Pontevedra
A presidenta provincial recibiu ao fillo e aos netos da insigne mestra pontevedresa que dará nome ao CEIP da Cidade Infantil Príncipe Felipe
No centro da imaxe, Carmela Silva, presidenta da Deputación provincial de Pontevedra, na recepción á familia de Daría González
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vén de render unha emotiva homenaxe a Daría
González na recepción que a presidenta, Carmela Silva, acompañada pola
deputada Noemí Outeda, ofreceu no Pazo provincial á familia da
recoñecida mestra pontevedresa que proximamente dará nome ao ata agora
CEIP Príncipe Felipe, integrado no recinto da Cidade Infantil dependente
da institución provincial. Lembranzas, anécdotas, vivencias familiares e
momentos da vida "desta muller imparable", como a definiu Carmela
Silva, protagonizaron un encontro moi emotivo, no que as bágoas asomaron
máis dunha vez, ao que acudiron o fillo de Daría, Tuco Cerviño, e dous
dos seus netos. Na recepción tamén estiveron Elvira García Sumay,
directora do CEIP, e Manuel García Cendón, director do Centro Príncipe
Felipe.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo
destacar que "nomear un centro educativo cun nome de muller sempre ten
unha enorme relevancia política, social e de construción dun mundo
diferente, pero facelo co nome de Daría González é unha honra para toda a
provincia e para a Deputación moi particularmente". Carmela Silva
recordou que a insigne mestra estivo moi vinculada ao Museo de
Pontevedra, e destacou a súa traxectoria vital, profesional e
comprometida coa democracia e co progresismo. A presidenta provincial
amosou a súa ledicia por poder reunirse co fillo es cos netos de Daría,
"algo que para mi ten un enorme valor porque a familia é sempre un
núcleo fundamental de transmisión do que herdamos. Os seus netos
referendan o poderío de Daría", sinalou.
O fillo de Daría
González, Tuco Cerviño, falou en nome da familia. Moi emocionado sinalou
que a súa nai foi unha muller moi consciente dos dereitos das mulleres e
da igualdade, e recordou o seu sentido de servizo coa política e coa
democracia, o seu compromiso coa lingua galega e o seu gran amor a
Galicia e, en especial, á cidade de Pontevedra. Entre os moitos recordos
da súa nai "e do espírito de liberdade sen adoutrinamento que había na
casa", tamén salientou a "enorme vocación polo ensino e o gran amor que
tiña polos seus alumnos e alumnas, aínda que era unha mestra esixente,
non era fácil aprobar con ela, había que esforzarse". Cerviño destacou
tamén o agarimo especial da súa nai por aqueles estudantes de
bacharelato nocturno debido ao esforzo que facían por dedicar o seu
tempo a estudar despois de longas xornadas de traballo. Pola súa parte,
os netos de Daría lembraron o seu lado máis persoal contado anécdotas
vividas coa súa avoa, as súas charlas con ela, as comidas familiares e o
moito que a botaban de menos.
A directora do CEIP, Elvira
García, falou no nome do centro e afirmou que a figura de Daría González
cumpría todas as expectativas que o claustro, que foi quen tivo a idea
deste cambio de nome, estaba buscando. A directora agradeceu á
Deputación de Pontevedra a súa axuda neste proceso e comentou que pouco a
pouco darase a coñecer a figura da galeguista entre o alumnado do
centro.
A presidenta da Deputación agasallou á familia e ao CEIP coas famosas figuras da menina,
o símbolo de igualdade do ente provincial, en recordo deste acto.
Durante a recepción as persoas asistentes coincidiron na necesidade en
levar a cabo un acto para festexar o cambio de nome do centro ao que
esperan poida acudir a familia de Daría González ao completo.
Daría González
Nacida en Pontevedra en 1912, Daría González foi unha das primeiras
universitarias galegas, mestra a galeguista. Participou na fundación do
Colexio da Inmaculada onde impartiu a docencia, algo que tamén fixo nos
institutos de Marín e Pontevedra. Tamén foi fundadora da Fundación
Alexandre Bóveda, formou parte da xunta reitora da Fundación Castelao e
estivo vinculada ao Museo de Pontevedra.
Foi unha muller
vinculada á política militando no Partido Galeguista durante máis de 50
anos, desde 1932 ata 1983. Foi elixida concelleira por Unidade Galega
nas primeiras eleccións democráticas e exerceu como tenente de alcalde
de Cultura. Tamén formou parte da primeira promoción de mulleres Técnico
Civil e adscribiuse á Inspección de Traballo de Pontevedra. A decisión
da dar o seu nome a un centro non é o primeiro recoñecemento que se lle
outorga, posto que tamén recibiu os premios Cidade de Pontevedra e
Amigos de Pontevedra en recoñecemento ao seu compromiso coa súa cidade e
con Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario