A Deputación de Pontevedra visibiliza o traballo das mulleres no sector primario a través dunha nova campaña de apoio ao producto local
A institución pon en valor o papel esencial que elas desempeñan nun sector fundamental para a provincia
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra volve a apostar pola visibilización do
imprescindible traballo que levan a cabo as mulleres no sector primario,
a través dunha nova campaña na que tamén reafirma o seu compromiso co
comercio local e os produtos de proximidade cos cancelos
#ElixeProdutoLocal e #ElixeIgualdade. O ente provincial ten en conta a
igualdade en cada unha das decisións do goberno, sendo un eixo
transversal das súas accións. Este compromiso materialízase agora nunha
campaña que quere poñerlle rostro e dar voz a todas esas grandes
mulleres que traballan no campo, no mar e na horta con produtos que son
despois protagonistas das cociñas de miles de fogares e que, pouco a
pouco, volven a selo tamén das mesas dos restaurantes con estrela da
provincia de Pontevedra.
Así, enmarcada na campaña "Pontevedra Provincia na Túa Cesta",
lanzada en maio, e logo de realizar unha forte aposta polos pequenos e
medianos establecementos co lema "Elixe Comercio Local", chega agora o
momento de sacar á palestra a mulleres como Mónica Silva, Teresa Míguez,
Pilar Nogueira ou Marta Bugallo que, entre varios milleiros máis,
extraen e coidan con mimo os produtos que enchen as nosas cestas e
enriquecen a nosa cociña.
Para a Deputación de Pontevedra é
necesario poñer en valor a enorme contribución destas mulleres xa que
tamén xogan un papel esencial na cadea que fai posible unha das
principais sinais de identidade a nivel turístico da nosa provincia: a
gastronomía. Fano ademais de maneira artesanal, velando polo futuro dos
recursos naturais de Rías Baixas e asegurando unha explotación sostible a
máis longo prazo, tal e como promove a institución provincial no marco
dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
Estes sectores fundamentais foron duramente afectados pola Covid-19 polo
que agora, máis que nunca, é preciso consumir produto local para axudar
a mitigar os posibles efectos da crise socio-sanitaria na igualdade de
oportunidades entre mulleres e homes. Incentivando o consumo de produtos
de proximidade e dando visibilidade ás súas artífices, a Deputación de
Pontevedra está axudando ao turismo, ao comercio e a hostalaría da
provincia, todos eles sectores fortemente feminizados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario