A XUNTA DE GALICIA REFORZA EN PONTEVEDRA A COORDINACIÓN POLICIAL PARA A VIXILANCIA, DIFUSIÓN E CONTROL DA ACTIVIDADE INCENDIARIA NA TEMPADA DE ALTO RISCO
· As delegadas territoriais en funcións da Xunta en Pontevedra e Vigo, Ana Ortiz e Marta Iglesias, presidiron a reunión do Comité provincial de Coordinación Policial Antiincendios
As
delegadas territoriais en funcións da Xunta de Galicia en Pontevedra e
Vigo, presidiron hoxe a reunión do Comité
provincial de Coordinación Policial Antiincendios
Foto: X.G.
Infogauda / Pontevedra
As delegadas territoriais en funcións da Xunta de Galicia en Pontevedra e Vigo, Ana Ortiz e Marta Iglesias, presidiron hoxe a reunión do Comité provincial de Coordinación Policial Antiincendios para a campaña de alto risco de incendios forestais que comezará, un ano máis, o vindeiro 1 de xullo. Este órgano está formado por representantes das diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado presentes en Galicia, ademais da propia Xunta.
O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, da Policía Autonómica, da Garda Civil, da Policía Nacional, de Protección Civil e da Brilat, foi coordinar as actuacións que se levarán a cabo para previr os lumes e loitar contra a actividade incendiaria. A xuntanza de traballo serviu para ultimar os detalles da vixilancia, disuasión e control da actividade delituosa incendiaria con vistas ao inicio da tempada de risco alto de incendios. Así, consonte ao habitual nestas datas, estableceuse unha distribución dos diferentes efectivos sobre o territorio, prestando especial atención a aquelas áreas con maior incidencia deste tipo de actuacións.
A través deste comité faise un seguimento, planificación e reforzo da coordinación das diferentes accións promovidas pola Consellería do Medio Rural e os diversas forzas e corpos de seguridade do Estado (fundamentalmente Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil) para loitar contra a actividade delituosa incendiaria, especialmente nas zonas con lumes recorrentes.
Así, durante a reunión, analizouse a situación das Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) caracterizadas polo número de incendios forestais reiterados (parroquias que tiveron unha media anual de 7 incendios ou máis nos últimos 5 anos) ou por unha gran virulencia dos lumes declarados. Na provincia de Pontevedra existen na actualidade 2 PAAI (Valeixe e Pontellas) en 2 concellos (A Cañiza e O Porriño).
O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) mantén este ano as súas liñas básicas de actuación, pero incorpora algunhas novidades como a implementación dun completo e detallado plan de prevención aprobado pola Administración autonómica, que suporá actuar en 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas galegas.
No marco deste comité, ambas delegadas territoriales apelaron á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e fixo un novo chamamento á cidadanía para que denuncie calquera actividade delituosa que poida poñer en perigo a nosa riqueza forestal, xa que reiterou que 3 de cada 4 lumes son intencionados.
Neste sentido, lembraron que a Xunta ten a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, destacou que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
“A coordinación policial, o despregue do exército, os voluntarios, os propietarios, a colaboración cidadá, a chamada gratuíta ao 085, as labores preventivas e o dispositivo de extinción, son algunhas das razóns que van a permitir a consolidación, pouco a pouco, dun cambio de comportamento no que aínda queda moito por facer para reducir os danos mediambientais dos lumes forestais”, explicou Ana Ortiz.
Marta Iglesias engadiu que “dende a Xunta solicitamos a colaboración cidadá neste verán, para a detección, coa fin de intervir o mais axiña posible, á que xuntaremos a profesionalidade do colectivo dos bombeiros forestais, que resulta moi eficaz despois de mais de 25 anos de experiencia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario