Descobren un valioso bronce votivo do século III a. C. nas excavacións da Xunta no castro de Viladonga
Segundo a opinión dos expertos, trátase da peza cunha decoración máis rica das atopadas deste tipo no conxunto de Galicia
A descuberta abre novas vías de
investigación ao respecto do estudo das manifestacións relixiosas,
simbólicas e rituais no horizonte da historia dun castro que sobresae no
rexistro material do mundo castrexo entre os séculos II e V d.C.
A peza poderá ser contemplada en breve neste museo xestionado pola Xunta
A peza poderá ser contemplada en breve neste museo xestionado pola Xunta
Machada votiva de bronce asociada a
rituais de sacrificio atopada no castro de Viladonga
Foto: X.G.
Infogauda / Lugo
O castro de Viladonga segue a dar
sorpresas practicamente 50 anos despois do comezo das primeiras
escavacións. Neste caso, veñen de concluírse as investigacións que
confirman o achado dunha pequena machada votiva de bronce asociada a
rituais de sacrificio. A devandita peza, de apenas 13 cm. e 22 gramos de
peso, foi atopada nas escavacións arqueolóxicas impulsadas pola Xunta
de Galicia e correspondentes á campaña 2019-2020, durante os traballos
no alxibe monumental.
En concreto, no fondo, sobre as escaleiras
de acceso ao depósito aparecía unha peza de bronce asociada a outros
materiais, principalmente cerámica, ósos e restos de carbón. As análises
do material orgánico recollido na campaña anterior confirmaron que se
trataba dunha construción castreña prerromana do século III a.C.,
anterior polo tanto á construción da muralla do poboado. A peza poderá
ser contemplada en breve neste museo xestionado pola Consellería de
Cultura e Turismo.
Singular bronce sacrificial
Ao respecto
do bronce, cómpre dicir que se trata dunha gran descuberta pola
escaseza destas pezas e a súa profusa e complexa decoración. Non é a
primeira vez que se encontran machadas sacrificais en Galicia, de feito
temos achados análogos en Cariño, Lalín, Mondoñedo ou Cervo; pero, a
dicir dos expertos, esta é probablemente a machada votiva cunha
decoración máis rica. Así, no colgante desenvólvense moitos dos
elementos comúns a estas pezas, como a propia machada, os sogueados ou o
torques, ademais dun prótomo de touro, un xabaril na zona mesial, e un
prótomo de carneiro na zona distal.
O colgante está relacionado
con ritos de sacrificio desenvoltos na segunda Idade de Ferro no
noroeste peninsular e enriquece o material ergolóxico do Castro de
Viladonga. Tanto a machada como o alxibe recentemente descuberto son
novas atraccións para o visitante nun xacemento cada vez más rico e
espectacular que, campaña tras campaña, ofrece novos achados.
Centro de referencia
O
Castro de Viladonga é un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros
de Galicia, un dos máis coñecidos polo público, e tamén un dos que
recibe un maior número de visitas. O conxunto arqueolóxico e museístico
ocupa o cumio dun monte desde o que se contempla a Terra Chá lucense e
as serras de Monciro, de Pradairo e Meira. A importancia arqueolóxica e o
interese histórico de Viladonga púxose de relevo a raíz das escavacións
iniciadas en 1971, tanto pola monumentalidade e diversidade das
estruturas descubertas como pola cantidade e calidade dos materiais
recollidos.
O xacemento é un exemplo de asentamento destacado,
sobre todo entre os séculos II e V d.C., moi importante para o
coñecemento, estudio e comprensión do mundo castrexo trala conquista
romana. No castro continúan de forma periódica os traballos
arqueolóxicos tanto de escavación como de limpeza e consolidación.
O
Museo asociado abriuse ao publico en novembro de 1986. Dedícase á
interpretación e explicación do xacemento e á custodia e a exposición
dos materiais procedentes das sucesivas escavacións. Está situado entre
as dúas últimas murallas do lado sueste do Castro, moi preto da súa
croa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario