Bará anuncia que o BNG creará dende a Xunta unha nova Lei de Financiamento Local para acabar co reparto partidista e discrecional do PP
· O cabeza de lista, nunha reunión dos alcaldes do Condado, propón a creación dun Fondo Único que aglutine todos os recursos en materia de cooperación dos concellos
· Avogou por un novo sistema de financiamento municipal que remate coa discriminación dos municipios galegos e un plan extraordinario para facer fronte aos gastos asumidos pola COVID-19
Luís Bará coa
tamén candidata Cristina Fernández, Xosé Represas, alcalde de
Ponteareas; Xosé Manuel Rodríguez e Pilar G. Casas, alcalde e
concelleira de As Neves, respectivamente; Xose Emilio Barros, alcalde de
Mondariz; Alexandre Estévez, alcalde da Entidade Local Menor de
Vilasobroso; e o tenente de alcalde do Porriño, Pedro Pereira
Foto: BNG
Infogauda / O Condado
O cabeza de lista do BNG, Luís Bará, mantivo hoxe en Ponteareas unha reunión de traballo cos alcaldes do Condado na que propuxo a creación dunha nova Lei de Financiamento Local para realizar un reparto xusto e igualitario dos fondos entre os concellos galegos. O nacionalista destacou que é preciso crear un Fondo Único que aglutine os recursos autonómicos en materia de cooperación cos concellos e reduza as subvencións. Ao mesmo tempo avogou por un novo sistema de financiamento municipal dos cartos estatais para rematar coa discriminación dos concellos galegos, que reciben unhas 50 euros de media menos que o resto de municipios do Estado.
No encontro, no que estiveron a tamén candidata Cristina Fernández, Xosé Represas, alcalde de Ponteareas; Xosé Manuel Rodríguez e Pilar G. Casas, alcalde e concelleira de As Neves, respectivamente; Xose Emilio Barros, alcalde de Mondariz; Alexandre Estévez, alcalde da Entidade Local Menor de Vilasobroso; e o tenente de alcalde do Porriño, Pedro Pereira; o cabeza de cartel e as e os representantes municipais compartiron a necesidade de ter un sistema xusto e igualitario para o reparto dos fondos da Xunta.
Bará destacou que o BNG vai impulsar dende o Goberno galego que haxa unha Lei Galega de Facendas locais “que remate co reparto partidista e discrecional dos fondos públicos que estivo facendo nestes anos o Partido Popular”. Propuxo que se vehiculicen os recursos da administración galega a través dun Fondo Único que aglutine os recursos do plan de cooperación local e tamén dos programas de cooperación autonómica de maneira que os concellos teñan de maneira previsible e estable unha achega de fondos por parte da Xunta de Galiza para facer fronte ás súas necesidades.
Por outra banda, destacou, esta Lei tamén permitiría rematar coas convocatorias de subvencións por concorrencia non competitiva “de maneira que as subvencións, que deben ser excepcionais, se fagan sempre por un procedemento transparente, claro e igualitario para os concellos”.
Asemade púxose de manifesto a problemática do infrafinanciamento dos concellos galegos “que sofren un sistema absolutamente discriminatorio e inxusto por parte do Estado”, xa que reciben de media 50 euros menos que a media do Estado, é dicir 200 euros por habitante fronte a 261 da media estatal. Fronte a isto, Bará destacou que o BNG defende un novo sistema de financiamento municipal, e ao mesmo tempo un fondo extraordinario para compensar todo o gasto que tiveron que facer os gobernos locais para afrontar a crise da COVID-19, a través de fondos europeos ou estatais en materia social, educativa e de prestación de servizos. “Nisto os concellos tamén estiveron desatendidos por parte da Xunta. Unha das conclusións que podemos tirar desta crise é que a Xunta desapareceu en combate e transferiu todas as responsabilidades aos concellos”, subliñou.
Bará destacou que “queremos un sistema de financiamento pensado en función das necesidades e intereses de Galiza. Un financiamento para Galiza polo sistema de concerto e, en tanto non se chegue a ese sistema, hai que cambiar o sistema actual e o reparto ten que ter en conta a realidade do país, e por tanto a dispersión da poboación, o envellecemento e o sobrecusto que teñen os servizos pola cantidade de núcleos de poboación que ten Galiza, a metade dos do Estado”, afirmou.
Tamén subliñou que queremos “presionar para que se cambie o marco legal estatal da Lei de Estabilidade Orzamentaria porque asfixia aos concellos xa que non lles permite contratar persoal, gastar os fondos dos remanentes e o superavit”. “Chove sobre mollado, sistema de financiamento inxusto e discriminatorio para os concellos galegos”, destacou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario