22 de xuño de 2020

DEPORTES

A Deputación de Pontevedra aproba medio millón de euros para o deporte da provincia  

A Xunta de Goberno aprobou as bases das subvencións para actividades deportivas e para as bolsas das e dos deportistas DepoDAN e DepoPromesa

A presidenta Carmela Silva  - no centro da imaxe - e o vice-presidente César Mosquera - a dereita -, nun momento da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

  A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou novos investimentos, por valor de medio millón de euros, para o deporte da provincia coas bases das subvencións para a organización de actividades, e para optar ás bolsas das e dos deportistas que xa teñen a marca provincial de alto nivel DepoDAN e DepoPromesa. A presidenta, Carmela Silva, sinalou que "estas axudas, sumadas ás destinadas ao deporte náutico, ao deporte de ámbito nacional, ao inferior a nacional e aos convenios cos clubs de alto nivel, supoñen 3 millóns de euros de investimentos para o deporte da provincia no que vai de ano".

  No relativo ás bases para as axudas á organización de eventos deportivos, esta liña chega este ano con novidades pois estarán divididas en tres grupos. Así, Silva explicou que "haberá unha liña 1 para a organización de Campionatos do Mundo, de Europa ou de España; unha liña 2 para grandes eventos de relevancia na provincia, e unha liña 3 para pequenas actividades que dinamicen o deporte provincial". As axudas serán maiores dependendo da relevancia do campionato ou evento, sendo a maior contía 30.000 euros. Carmela Silva destacou que "como acontece en calquera das subvencións se concederán con criterios claros e realizarase un reparto xusto e equitativo". As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica e o prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria e das bases no BOPPO.

Bolsas DepoDAN e DepoPromesa
  O Goberno provincial tamén aprobou as bases para a concesión das bolsas ás e aos deportistas de alto nivel DepoDAN e DepoPromesa, establecendo as condicións, requisitos e procedementos para optar a estas axudas. A presidenta apuntou que "estas bolsas están pensadas para apoiar ás nosas e nosos deportistas posibilitándolles a súa participación en competicións internacionais e nacionais durante o ano 2020".

  No pasado mes de abril a Deputación de Pontevedra xa publicara a relación de deportistas que teñen recoñecida a marca provincial, que en concreto son este ano 259 (172 DepoDAN e 87 DepoPromesa). Agora abrirase un prazo de 15 días desde a publicación no BOPPO para que as persoas que estean nesa lista e que dispoñen da marca poidan solicitar a axuda.

  Igual que na anterior edición, estas bolsas dividiranse en grupos segundo os resultados obtidos, así para as e os deportistas DepoDAN concederáselle 2.000 euros por podio en Campionato do Mundo, 1.250 euros por podio no Europeo ou participación no Mundial, 900 euros por podio no Campionato de España ou participación no Europeo e 500 euros por podio no Campionato Galego ou participación no Campionato de España. En canto ás e aos DepoPromesa corresponderalles 1.200 euros por podio no Campionato do Mundo, 800 euros por podio no Europeo ou participación no Mundial e 500 euros por podio no Campionato de España ou participación no Europeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario