2 de xuño de 2020

MIÑO TRANSFRONTEIRIZO

PARA RECLAMAR A APERTURA DA FRONTEIRA  

OS 13 CONCELLOS DO MIÑO REALIZARÁN ESTA SEMANA A SÚA PRIMEIRA PROTESTA SIMBÓLICA CONXUNTA 

Captura de pantalla da reunión por videoconferencia que o director do AECT Río Minho mantivo coas alcaldesas e alcaldes de concellos e câmaras municipais da ´raia´ miñota
Foto: D.PO.

Infogauda / O Baixo Miño / O Condado

 Era inevitable pola indignación acumulada na ‘raia’ e aconteceu. Os alcaldes e alcaldesas dos trece concellos do Miño na provincia e no norte de Portugal (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho, Monçâo e Melgaço) acordaron pasar á acción e realizarán esta semana a súa primeira protesta simbólica conxunta para reclamar a “imprescindible” e “urxente” apertura dos pasos na fronteira.  

 Na reunión celebrada na noite de onte as e os rexedores acordaron de maneira unánime que é necesario defender o territorio, ás e aos seus traballadores, empresas e as relacións da cidadanía en xeral fronte ao afogo actual. “Precisamos un balón de osíxeno”, “este é un territorio seguro” ou “hai un grande dinamismo económico que a situación actual fai insostible” foron algunhas das frases que se escoitaron no encontro de concellos, no que tamén estivo presente a directiva do AECT Rio Minho.  

 Alcaldes e alcaldesas, independentemente da súa cor política, decidiron actuar de forma conxunta e unida fronte ao que consideran unha inxustiza no tratamento dispensado. Subliñan principalmente o agravio comparativo que existe con respecto a outros territorios doutras rexións e provincias como Extremadura ou Ourense, que xa teñen abertos máis pasos.   

 “Vese que o goberno autonómico de Extremadura se moveu convenientemente e argumentou a necesidade de permeabilizar a fronteira. Aquí, a pesares de ter argumentos sólidos de relación económica, de que pasaron 200.000 coches polo paso de Tui durante o confinamento... a Xunta non está nin se lle espera”, apuntou o director do AECT, Uxío Benítez. Este lembrou que Núñez Feijóo está na presidencia da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, pero non moveu ficha para defender nin ás empresas nin ás e ós traballadores transfronteirizos, e tampouco accedeu a unha cita cos responsables do propio AECT para solucionar a situación.

 “Vemos que para o 1 de xullo hai previsión de apertura para o turismo internacional. Mentres, aquí traballadoras e traballadores teñen que estar a soportar rodeos de máis de 100 quilómetros diarios. Cremos que nos están a tratar como cidadáns de segunda”, afirmou Benítez.  

 As accións concretas de protesta comezarán de maneira simbólica coa presenza de alcaldes e alcaldesas e presidentes das câmaras portuguesas. Non se descartan novas mobilizacións coa implicación da cidadanía, xa que as e os mandatarios apostan por radicalizar as accións de manterse a situación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario