O cinema familiar na Guarda
Proxecto Socheo / A Guarda
Grazas ao traballo de Proxecto Socheo xa podemos dicir que a etapa máis pródiga en actividade de creación cinematográfica na Guarda deuse co cinema familiar. Antes de nada hai que advertir que o calificativo de “cinema familiar” carrexa certa polémica dentro da historiografía xa que que normalmente é un campo moi complicado de acoutar. O cinema familiar é un cinema producido, creado, proxectado e divulgado no ámbito doméstico. Malia isto hai certo tipo de cinema familiar que desexa transcender a súa áurea e facer patente as súas ínfulas asumindo referentes do cinema comercial. É neste punto cando o cinema familiar pasa a denominarse “cinema afeccionado”.
Mais este non é o caso, na Guarda non houbo este problema porque as actividades cinematográficas descubertas até o día de hoxe mantéñense neutras e dentro do cinema familiar, é dicir, cómodas dentro da súa clasificación. Mais isto non hai que velo como un demérito senón como unha extraordinaria asimilación dun novo medio de rexistro audiovisual á vida cotiá. Estas persoas non sentían unha especial predilección polo medio cinematográfico, non eran asiduos ao cinema, non eran cinéfilos. A chegada a este cinema familiar hai que velo como un paso coherente lóxico pasando da fotografía ao mundo da imaxe en movemento. Hai que dicir o volume de produción non é moi grande. A laboriosidade do proceso cinematográfico fixo que estes cineastas tiveran unha produción reducida que, se a medimos por rolos, vai de entre 6 e 12 películas de media. Unha filmografía que na maioría dos casos se pode delimitar en 3-4 anos seguidos. Este déficit de produción propia se suplía coa compra de pequenas cintas comerciais.
Entón, porque nos facemos eco deste fenómeno na Guarda? Pois merece salientarse porque até o que levamos investigando xa xurdiron un número considerable de guardeses que podemos constatar a súa actividade cinematográfica: Juan A. Uris, José Quintas, Luís Lomba “Ayón”, Ramón Pérez, José Elías Rebollar “Bixurro”, Milo Valterra, Pedro Carrera, J. Antonio González Pacheco “Laxeiro”, Antonio Bento, Antonio Vicente “Pirucho”, José Benito González “O da Sabina”, Jesús Zapico…
Entón, porque nos facemos eco deste fenómeno na Guarda? Pois merece salientarse porque até o que levamos investigando xa xurdiron un número considerable de guardeses que podemos constatar a súa actividade cinematográfica: Juan A. Uris, José Quintas, Luís Lomba “Ayón”, Ramón Pérez, José Elías Rebollar “Bixurro”, Milo Valterra, Pedro Carrera, J. Antonio González Pacheco “Laxeiro”, Antonio Bento, Antonio Vicente “Pirucho”, José Benito González “O da Sabina”, Jesús Zapico…
Esta efervescencia deuse nun período moi concreto no tempo que se axusta, perfectamente, na época onde se popularizou o Súper 8, o formato de cinema familiar máis espallado. A actividade do cinema familiar na Guarda podemos situalo desde o ano 1974 até o ano 1984. Este abano coincide coa época de ouro do cinema familiar en España, coincide nun contexto histórico de adquisición de liberdades polo cambio de réxime político até un cambio de paradigma no campo tecnolóxico: o paso do cinema ao vídeo.
As persoas que fixeron este cinema familiar son sobre todo homes, e sobre todo profesionais liberais como médicos, farmacéuticos, banqueiros… Mais tamén había outro grupo importante e significativo que eran os mariñeiros. Este gremio foron vehículos perfectos de difusión da tecnoloxía grazas as súas constantes viaxes, especialmente ás Canarias. Tanto Las Palmas de Gran Canaria como Tenerife eran portos francos onde se podían adquirir estes trebellos a baixo custe se o comparamos cos prezos na Península. Os mariñeiros mercaban tanto para eles como para familiares, amigos e coñecidos. A compra constaba de todo equipo: cámara e proxector. A maioría de equipos son sen son pero vemos como hai algúns casos puntuais onde aparecen cineastas que tamén teñen cámaras con este complemento.
Mais o Súper 8 precisaba dunhas prestacións constantes. Había que mercar rolos de película virxe, había que ter acetona para as montaxes rudimentarias, aparellos para a edición e, sobre todo, o revelado das películas. Para todo isto había que ir a Vigo a locais de fotografía como Vigofoto. Este contacto se podía facer en persoa, trasladándose á cidade olívica, ou empregando de intermediarios a fotógrafos locais como Cadilla ou Rivas.
Algúns dos cineastas tiñan contacto entre eles. Non era que formasen un grupo nin nada parecido, eran un grupo de amigos que quedaban nalgunha casa a ver películas, se consultaban cousas, se asesoraban, se prestaban cousas e se animaban a facer cousas.
O que máis retrataban eran os eventos familiares: casamentos, comuñóns, cumpleanos, bautizos… Asemade se levaba a cámara para rexistrar paseos, excursións, viaxes, vacacións… Tamén se recolleron festividades importantes para o pobo, tanto relixiosas como laicas. Entre as primeiras destacan filmación do Día do Señor (coas célebres alfombras florais), Semana Santa, Santa Trega… E entre as segundas destaca o gran acontecemento guardés por excelencia: a Festa do Monte. Esta festa é un grande espectáculo por si mesma digno de ser cinematografiado: subida, xura, bailes, música, desfeita, xente, acción, paisaxe… Mais sobre todo é no desfile do sábado onde se daban cita máis cámaras tanto locais como foráneas. Era tal a súa densidade que incluso se gravaban uns a outros. Nestes documentos inconscientes pódese saber o nivel de propagación do cinema familiar, o modelo das cámaras, se tiñan son, se ían con cámaras de fotos, a procuras do encadre…
Dito isto podemos dicir que o cinema familiar foi un fenómeno que tivo un grade acubillo na Guarda. Pódese pensar que forma parte dunha moda, que noutras poboacións sería igual ou parecido. Mais despois de todo o material que está saíndo á luz en Proxecto Socheo podemos dicir que o número de cineastas guardeses era bastante elevado. Agardamos que con este artigo sexa motivo para que aparezan máis cineastas e máis películas. E xa para rematar facemos un chamamento aos veciños da Guarda para que rebusquen nas súas pertenencias para atopar estes tesouros. Esta produción creouse dunha maneira desprendida, sen ambicións, mais agora mesmo é un patrimonio excelente que fala moitísimo de nós e do noso pasado recente.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario