Uso exemplar do Punto Limpo do Rosal dende a súa reapertura con cita previa
· Máis de 70 persoas xa depositaron os residuos nestas instalacións nas últimas tres semanas e hai máis de 100 citas concertadas para os vindeiros días
· Entullo, madeira e chatarra, entre os residuos máis recollidos
Acceso ao Punto Limpo do Concello do Rosal
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
“Exemplar comportamento da veciñanza rosaleira na reapertura do Punto Limpo tras a crise sanitaria. Dende a posta en marcha do servizo con cita previa o pasado 11 de maio, máis de 70 persoas depositaron os seus residuos domiciliarios nestas instalacións municipais e xa hai concertadas máis de 100 citas para os vindeiros días”. Esa é a valoración que fai o Goberno Municipal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández. Por iso, dende o Concello do Rosal quérese agradecer “a exemplaridade da veciñanza no uso responsable deste servizo e a comprensión e paciencia de todas as persoas que nestes días chamaron para solicitar a súa cita, porque sabemos que moitas delas tiveron que agardar para ser atendidas por mor do gran número de chamadas recibidas a diario”.
Tamén quérese salientar “o labor do persoal municipal que se encarga de xestionar as citas do Punto Limpo, así como de coordinar a entrega de residuos e a súa retirada por parte dos xestores autorizados”. “Todos eles están facendo un grande esforzo para axilizar as entregas de residuos por parte da veciñanza poñendo todo o seu empeño para minimizar as interaccións entre persoas e os riscos de contaxio”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.
As persoas interesadas en empregar o Punto Limpo poden solicitar a súa cita previa chamando ao teléfono do Concello 986 625 000 extensión 3002 para pedir día e hora. Durante o uso do servizo deberán manterse todas as medidas de prevencións, acudindo só unha persoa por vez, agardando fóra das instalacións a que o persoal municipal lle indique que pode pasar, desinfectando as mans ou as luvas que leven co xel desinfectante á entrada, mantendo a distancia de seguridade e empregando máscara para maior protección.
Case 26.000 quilos de residuos en dúas semanas
Durante o confinamento foron moitos os rosaleiros e rosaleiras que aproveitaron para ordenar e facer limpeza nos seus fogares e deixaron os residuos apartados agardando a poder levalos ao Punto Limpo para ser xestionados axeitadamente segundo a súa tipoloxía. En apenas dúas semanas recolléronse case 26.000 quilos de residuos dos que aproximadamente 10.000 kg foron de entullo, 6.000 kg de madeira, 2.500 kg de chatarra, 2.000 kg de plástico duro, 2.000 kg de residuos non reciclables, 1.000 kg de plástico de invernadoiro, 700 kg de neveiras, 600 kg de televisores, 500 kg de aparellos informáticos, 400 kg de electrodomésticos e 50 kg de pilas e baterías, entre outros.
Mosaico fotográfico de restos atopados xunto aos contedores. Eses materiais débense entregar no Punto Limpo
Malia o comportamento exemplar da meirande parte da veciñanza, algunhas persoas están depositando residuos a carón dos colectores. Isto, ademais de crear un impacto visual desagradable, supón “unha falta de respecto tanto para o persoal municipal que está dedicando grandes esforzos para retomar a actividade habitual de limpeza viaria, tendo en conta as circunstancias adversas derivadas da crise do COVID-19, como para o resto de veciñanza que está agardando a súa quenda para xestionar adecuadamente os residuos que teñen gardados dende antes do comezo do confinamento”.
Por este motivo, “dende o Concello do Rosal quérese facer fincapé no agradecemento á veciñanza pola paciencia coa que está aceptando o regreso á normalidade e pola súa comprensión ante as limitacións que se marcan por mor de que algunhas das empresas de recollida aínda non retomaron por completo a súa actividade. Todo isto pode repercutir na demora na recollida de algún residuo imposibilitando que sexa aceptado temporalmente.
Aportar o que está nas nosas mans fainos camiñar cara a un concello mellor”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario