23 de xuño de 2020

CULTURA

‘Estudos de Onomástica IV. Os nomes das rúas'

Un libro que recompila os estudos sobre os nomes das rúas presentados na IV Xornada de Onomástica que tivo lugar no Museo de Pontevedra  

O volume edita as achegas de catorce especialistas poñendo o foco na necesidade de preservar a toponimia tradicional

Infogauda / Pontevedra

  Os nomes das rúas serven para orientarse nas vilas e cidades e tamén para organizar os territorios urbanos, pero tamén adquiren unha moi importante carga simbólica e constitúen parte da paisaxe lingüística. Os cambios que ocorren nas guías das rúas e as eleccións de nomes en novas zonas urbanas obedecen en moitas ocasións a razóns conmemorativas e acaban sepultando os nomes anteriores. A Real Academia Galega abordou estas cuestións na IV Xornada de Onomástica, que tivo lugar no Museo de Pontevedra o pasado mes de outubro, da man de trece especialistas procedentes do campo da filoloxía e un historiador. Os traballos presentados no encontro recompílanse nun volume que salienta unha idea central da xornada: a necesidade de preservar a toponimia tradicional. O título pode descargarse de balde na web de publicacións da RAG.

  A Real Academia Galega edita ‘Estudos de Onomástica IV. Os nomes das rúas' coa colaboración da Deputación de Pontevedra, que apoia desde 2016 a realización das xornadas organizadas polo Seminario de Onomástica da institución. O libro, ao coidado das académicas correspondentes Ana Isabel Boullón Agrelo e Luz Méndez, recompila achegas centradas na conformación na Idade Media dos nomes de rúas galegas, en como o seu control significou a apropiación simbólica do espazo público por parte do poder ou nos procedementos actuais para nomear as novas vías urbanas en distintas localidades.

  Gonzalo Hermo detense nalgúns nomes medievais de rúas de Santiago de Compostela, o académico correspondente Gonzalo Navaza profunda na hodonimia de Baiona na documentación histórica, o historiador Antonio Míguez Macho explica como o réxime franquista empregou a renominación dos espazos públicos como un instrumento máis da construción da súa "nova España", e os profesores Suso Fernández Acevedo, Pilar Buela e Carlos Montejano expoñen dúas experiencias pedagóxicas arredor da hodonimia desenvolvidas en Ribadeo Valga.

  A IV Xornada de Onomástica prestoulle tamén atención á evolución da hodonimia en catro cidades e vilas. Conchi Cochón e Marta Souto mostran nos seus artigos os procedementos municipais de Pontevedra e Vigo, respectivamente, para o establecemento dos novos nomes ou dos cambios e dan conta das características históricas das hodonimias de ambas as cidades; Iván Méndez profunda nesta mesma realidade na cidade da Coruña e Marta Negro expón a experiencia da Comisión do Rueiro de Lalín. Os seus traballos acompáñanse da transcrición do debate posterior á mesa redonda que compartiron e que arrequeceu o debate.

Ningún comentario:

Publicar un comentario