23 de xuño de 2020

LABORAL

O persoal da conserveira Thenaisie convoca dúas manifestacións no Grove en defensa do emprego 

O comité manterá unha xuntanza co empresario interesado na adquisición da fábrica, co alcalde e cos grupos políticos 


Infogauda / O Grove 

 O comité de empresa da conserveira Thenaisie Provote convoca dúas novas mobilizacións este domingo 28 e o vindeiro día 5 para reclamar unha solución que garanta a actividade industrial e o mantemento de todos os postos de traballo. Ao mesmo tempo, a representación sindical está a intensificar tanto os contactos co empresario interesado na adquisición da fábrica como as xestións institucionais encamiñadas a intentar salvar a compañía. 

 Segundo explican dende a FGAMT-CIG do Salnés, as manifestacións sairán das instalacións da fábrica ás 11:30 horas e rematarán diante do Concello do Grove. Pero antes o comité de empresa manterá unha xuntanza este xoves en Mos ás 12:00 horas co inversor galego interesado en facerse coa compañía. Ese día remata o prazo fixado polo empresario para facer efectiva a opción de compra, que nestes momentos é a única que hai enriba da mesa. 

 Paralelamente, a representación sindical está a intensificar as xestións institucionais co obxectivo de atopar unha solución para a empresa que permita evitar a liquidación e manter os 125 empregos actuais. Neste senso, este mesmo xoves ás 17:00 horas manterán tamén unha xuntanza co alcalde do Grove e cos distintos grupos políticos do Concello. Ademais continúan á espera de que o conselleiro de Industria lles responda á solicitude de reunión que veñen de trasladarlle. 

 Finalmente, dende a FGAMT-CIG denuncian que nin a propiedade de Thenaisie -a compañía romanesa Scandia Food- nin a súa directora financeira queren manter máis xuntanzas con posíbeis compradores, “o que nos fai sospeitar aínda máis dos intereses ocultos que hai detrás dunha operación que parece encamiñada á liquidación da empresa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario