13 de xuño de 2020

CULTURA

“O ROSALEIRO”, xornal cultural de O Rosal

Xa foi presentado en sociedade con moi boa acollida



Portada do nº 1 de “O ROSALEIRO”, xornal cultural de O Rosal
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / O Rosal

 Na tardiña de onte venres día 12 de xuño de 2020, foi presentado en sociedade “O ROSALEIRO”, xornal cultural de O Rosal. O evento, que tivo lugar na Librería e Papelería Ideas, sita na rúa Ramón Franco, nº 22 - baixo, da vila rosaleira, contou con boa acollida e a asistencia de Juan Ramón Martínez Barbosa, director da publicación; os emprendedores Alberto Pacheco Fernández e Loli Silva Martínez; familiares, amigos, persoas do mundo da cultura e do deporte, e veciños do Rosal e súa contorna.

 “O ROSALEIRO”, xornal cultural de O Rosal, de periodicidade bimensual, que foi concebido durante o pasado confinamento para conmemorar os 12 anos de actividade da páxina web NOTICIAS O ROSAL viu a luz cun atractivo continente e un xeneroso contido. Dese xeito, todas aquelas persoas que non teñan acceso ás novas tecnoloxías da información tamén poidan gozar das informacións culturais e deportivas do Rosal e da comarca do Baixo Miño.

  “O ROSALEIRO”, que naceu en formato impreso - en papel estucado, por ambas as dúas caras de cada folla, e de óptima gramaxe -, ademáis de tratarse dunha publicación editada en galego, é o primeiro xornal como tal, na historia da vila rosaleira.

Editorial adicada ao poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro
  

 No número 1, de edición limitada, correspondente a xuño de 2020, “O ROSALEIRO” acolle nas súas 16 páxinas - ilustradas con fotografías a toda cor e tamén en b/n, algunhas delas inéditas -, varios artigos, todos moi suxerentes. Entre eles á editorial adicada ao poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro; e tamén un traballo de investigación inédito, da autoría do arqueólogo, escritor e investigador Xoán Bautista Martínez González, que trata sobor da orixe etimolóxica do topónimo O Rosal que é todo un achádego. Tamén hai espazo para o patrimonio arqueolóxico como a ara romana adicada ao deus Mercurio, considerado o documento epigráfico máis antigo da vila, con máis de 2.000 anos de antigüidade; os sepulcros antropomorfos de Marzán (s. V-VI); petróglifos ou gravados rupestres no termo municipal rosaleiro; espazo para os deportes destacandoa reportaxe a doble páxina central “Dous anos da histórica xesta do Novás”, segundo a persoal visión do afeccionado rosaleiro Sergio Diego “Frony”, cando o Atlético Novás logrou o ascenso a División de Honor Prata do balonmán nacional. 

 Na sección “Veciñ@s da Comarca”, os protagonistas son o pintor e ilustrador guardés Manuel Ángel Álvarez, o monte Santa Trega e vila de A Guarda.  

 Asemade, “O ROSALEIRO” lembra o 89º aniversario da decraración do Mosteiro de Oia como Ben de Interese Cultural, e incorpora imaxes históricas do Rosal, curiosidades e novas de interese.

 A publicación, editada pola web cultural Noticias O Rosal e Librería Ideas, pode adquirirse nos establecementos que esta última posúe tanto en O Rosal como en A Guarda.

 Desde este xornal dixital transfronteirizo desexámoslle moitos éxitos e longa vida, a “O ROSALEIRO”, xornal cultural de O Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario