A Rede de Destinos Turísticos Intelixentes prioriza a confianza e a sustentabilidade no regreso á unha actividade con boas perspectivas
A presidenta Carmela Silva, única representante galega na Executiva da Rede, subliña a importancia de que a propia ministra Reyes Maroto dirixise a reunión de hoxe na que se analizaron os datos do CIS que recollen que un 60% viaxará dentro de España este verán
A presidenta da Deputación de Pontevedra, participou onte na xuntanza telemática de traballo que estivo
presidida pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, único membro galego da Comisión
Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes de España (Rede
DTI), participou onte na xuntanza telemática de traballo que estivo
presidida pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.
Unha xuntanza do máximo nivel á que tamén asistiron a secretaria de
Estado de Turismo, Isabel Oliver; o presidente da Sociedade Estatal para
a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Seggitur), Enrique
Martínez, e o director de Red.es, David Cierco.
A presidenta
Carmela Silva puxo en valor o feito de que a propia ministra dirixira
esta reunión a propósito da incidencia da pandemia de Covid-19 cos
destinos da Executiva da rede. Unha reunión na que dou conta das accións
realizadas ata o de agora, informou do traballo que se está a facer na
Conferencia de Ministros/as da UE en materia de turismo e escoitou ás
inquedanzas dos representantes dos 89 destinos membros da rede. Silva
subliñou que a ministra achegou datos moi útiles e que volveu demostrar o
compromiso do Goberno de España para situalo turismo como eixe central
da recuperación económica. "O Goberno está traballando man con man co
mundo local e debo dicir que boto en falta o mesmo compromiso por parte
da Xunta de Galicia", dixo a presidenta, que demandou ao presidente
galego que siga este modelo de xestión participativa e que convoque
persoalmente aos destinos galegos para facer o mesmo que o goberno
central.
"A fórmula axeitada para loitar contra o impacto da
Covid19 é a colaboración, tanto público-privada como público-pública",
insistiu. "A ministra reuniuse cos destinos turísticos intelixentes e
amosounos a folla de ruta do Goberno de España para o futuro inmediato,
pero seguimos a preguntarnos cal é a folla de ruta do goberno galego, e
iso a pesar de que resulta moito máis complicado organizar o futuro
turístico de España que o dunha comunidade autónoma".
A ministra
Maroto, admitindo as dificultades derivadas da situación actual,
apuntou ás boas perspectivas ofrecendo os datos achegados polo último
barómetro do CIS no que se introduciron variables de consumo, en
concreto de viaxes. Un 14% afirma ter previsto viaxar ao estranxeiro,
mentres que o 60% adiantou que fará unha viaxe dentro do territorio
nacional. Ademais, se os que teñen previsto ir ao estranxeiro son,
fundamentalmente, os máis novos, a previsión de viaxar dentro de España
esténdese por tódolos grupos de idade. A ministra tamén adiantou que o
barómetro do mes de xuño do CIS incluirá un monográfico sobre turismo co
obxecto de recompilar a información que precisan tanto as
Administracións como o sector para perfilar as súas últimas decisións de
cara a esta complexa temporada con datos fiables.
Carmela Silva
indica que estes datos do CIS deben reforzar o compromiso e o deber de
priorizar a confianza e a seguridade na oferta para que aquelas persoas
que nos elixan saiban que estamos preparados para recibilas. "Neste
senso, engadiu, o avance do Plan de Reactivación do Destino Rías
Baixas-Pontevedra Provincia está deseñado nesta dirección, polo que hai
un traballo previo desde a Deputación que concorda cos datos que van
xurdindo".
"Hai que estar preparados, sabendo que vai haber
turistas porque hai interese en viaxar, pero tamén tendo moi en conta os
valores que hai que poñer no escaparate para sintonizar con ese
interese que existe no mercado", explicou a presidenta da Deputación.
Carmela Silva subliña que estamos nun escenario no que a información de
calidade é clave e, por iso, adianta que fará chegar a información
proporcionada polo Goberno de España ao Clúster de Turismo de Galicia e
entidades representativas do sector na provincia. "Non vai chegar antes o
que apure máis, senón o que tome a decisión acertada en cada momento da
desescalada e para iso precisamos datos", afirmou. "Hoxe máis que
nunca, o sector público e o privado temos que acertar para non ter que
dar marcha atrás, así que a prudencia, a intelixencia e a información
son fundamentais".
A presidenta da Deputación está
especialmente satisfeita de que o mundo local estea na axenda do
Ministerio, non só porque xa se estea a traballar conxuntamente coa
Federación Española de Municipios e Provincias, senón tamén porque se
escoita aos representantes locais e, froito dese diálogo, xorden
iniciativas como a aceptación de uso dos superavits (derrogando de facto
a "lei Montoro") ou a achega de recursos do Estado para que os
concellos poidan facer fronte aos gastos derivados da pandemia.
Outro aspecto valorado especialmente dende a Deputación de Pontevedra
foi que a ministra Maroto dera conta na xuntanza da Executiva da Rede
DTI das decisións adoptadas, como son os 400 millóns a través dunha liña
ICO para apoiar ao sector turístico, así como as medidas de
acompañamento para os/as traballadores/as fixos discontinuos, a
prolongación dos ERTE ata 30 de xuño e as compensacións por cese de
actividade ao colectivo dos autónomos/as, dado o seu peso na masa
laboral do turismo. Novidades que se completan co feito de que o turismo
vai xogar un papel moi importante na Comisión tripartita entre
Administración estatal, empresarios e sindicatos.
Carmela Silva
tamén avanzou que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio está
ultimando o Plan Nacional de Relanzamento do Turismo no que se enmarca
unha campaña internacional dirixida aos países tradicionalmente emisores
de turistas en canto se aproben e implanten os protocolos de
acollemento de visitantes en portos e aeroportos que xa están testando
neste momento e que teñen como elemento común a eficacia, pero tamén a
axilidade para que a confianza sexa plena.
Un paso que súmase á
recente xuntanza do Consello de Ministros de Europa no que se empezaron a
dar pasos para reducir as restricións á mobilidade terrestre e aérea en
condicións de seguridade. Reyes Maroto insistiu en que o turismo debe
formar parte prioritaria da axenda de reconstrución europea. "Proxectos
rigorosos e con recursos económicos para seguir acompañando ao turismo
durante a desescalada e tamén na nova normalidade", resumiu.
21 protocolos, un selo de confianza turística e una "app"
A presidenta da Deputación recalcou especialmente o traballo feito polo
Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, en colaboración co
Ministerio de Sanidade, para a elaboración de protocolos de seguridade
sanitaria para actividades e sectores específicos. O traballo pioneiro
de España, que xa rematou 21 deses protocolos, motivou o interese de
varios países europeos, converténdoos deste xeito en auténticas guías de
boas prácticas. "Que outros queiran copiar os nosos protocolos xa é,
por si mesma, unha garantía que dá seguridade ás e aos turistas",
destacou a presidenta.
En canto ao selo de confianza turística a
través do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) que
contará coas certificacións española UNE e europea ISO tamén se dou
conta da necesidade de avalalo coa verificación do cumprimento das
normas de garantía sanitaria a diferencia de Portugal que o xestiona
cunha declaración responsable da empresa ou entidade turística.
O último elemento no que está a traballar o Ministerio é o
desenvolvemento dunha aplicación para teléfonos intelixentes que
proporcionará trazabilidade sobre os contaxios de Covid-19 en cada
territorio. Toda unha garantía para os visitantes.
A xuntanza da
Rede DTI concluíu co anuncio da inminente elaboración dunha guía de uso
e desfrute seguro das praias para a fase III na que se contemplarán a
totalidade dos usos nestes espazos así como as casuísticas de praias
urbanas, calas, praias salvaxes, etc. Así a ministra Maroto incidiu en
que esta norma así como as ordes sanitarias terán en conta as
competencias autonómicas e locais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario