20 de maio de 2020

O BAIXO MIÑO

AS ALCALDESAS E ALCALDES DO BAIXO MIÑO RECLAMAN Á APERTURA DAS FRONTEIRAS CON TODOS OS MEDIOS DE CONTROL E SEGURIDADE 

Avogan por unha apertura para traballadoras e traballadores transfronteirizos que axude a paliar a situación que están a vivir nestes momentos, con grandes colas e longos percorridos para poder acudir cada día ao seu posto 




Captura de pantalla da nova reunión telemática das alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño
Foto: C.O.R.



Infogauda / O Baixo Miño

 Sensibles aos quebrantos de todo tipo (nomeadamente incrementos na duración dos traxectos e tamén dos custes dos mesmos), que desde a decraración do estado de alarma e o conseguinte peche das fronteiras, vén afectando as traballadoras e traballadores transfronteirizos que para desenvolveren seus labores profisionais teñen que desprazarse desde diferentes lugares do Alto Minho para viren a traballar a Galicia, ou desde O Baixo Miño e outras comarcas galegas, entrar en Portugal por idénticas razóns; as alcaldesas e alcaldes do Rosal, Tomiño, Tui e A Guarda mantiveron unha nova reunión virtual esta semana no marco da Mancomunidade Intermunicipal de Concellos do Baixo Miño para analizar o efecto que ten nestas catro localidades o peche das fronteiras entre España e Portugal, concellos cun alto número de traballadoras e traballadores que cada día deben cruzar o río Miño para acudir ao seu posto no país veciño. Por este motivo, as rexedoras e rexedores da Mancomunidade reclaman a apertura de novos pasos fronteirizos para as/os empregadas/os como medida de alivio, permanecendo pechadas á libre circulación de persoas.  

 Avogan por esta medida como unha mellora das condicións de todos aqueles traballadores e traballadoras que sofren por partida dobre a pandemia ao vivir e traballar nun dos territorios transfronteirizos máis interrelacionados e economicamente máis dinámicos de toda Europa, xa que asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas entre España e Portugal.  

 A situación actual que están a vivir moitos veciños e veciñas é complicada, con longas colas para poder cruzar a fronteira cada día e con percorridos de máis de 60 quilómetros entre ida e volta para poder chegar as empresas ou polígonos que antes do estado de alarma e emerxencia en España e Portugal estaban a escasa distancia dos seus domicilios. Incremento de molestias, tempo de desprazamento e tamén custes que “en moitos casos son inasumibles cuns salarios que en moitos casos son baixos”.  

 As alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade están convencidos da necesidade de abrir novos pasos fronteirizos a traballadores e traballadoras, aínda que sempre baixo os máis estritos medios de control e seguridade, mantendo o operativo que xa se está a desenvolver no paso de Tui-Valença do Minho dende o inicio da crise sanitaria, “garantindo así a seguridade da poboación e evitando un paso atrás que nos leve de novo a medidas de confinamento”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario