29 de maio de 2020

TOMIÑO

O Concello de Tomiño realiza unha campaña de normalización lingüística e apoio ao comercio local 

· Comeza o reparto das bolsas en tea 100% algodón, deseñadas en cinco modelos, serigrafiadas coas palabras que elixiu a veciñanza durante o mes de maio  

· Repartiranse, de balde, a partir do luns 1 de xuño, nos distintos establecementos comerciais do municipio   

 
Unha moza tomiñesa portando unha das bolsas da campaña de normalización lingüistíca promovida polo Concello de Tomiño
Fotos: C.T.



Infogauda / Tomiño 

   O Concello de Tomiño, tras conmemorar o Día das Letras Galegas, continúa coa súa campaña de normalización lingüística, a través da posta en marcha dunha iniciativa específica dirixida ao sector comercial tomiñés, na que colaborou previamente toda a cidadanía.   

 "Despois da recollida, durante o mes de maio, de centos de palabras galegas escritas polos usuarios e usuarias das nosas redes sociais foron seleccionadas as vinte palabras máis votadas pola poboación a través da páxina web municipal", explica Fátima Rodríguez, concelleira responsable da área de Normalización. 

Hai cinco deseños diferentes de bolsas que se repartirán, de balde, a partir do luns 1 de xuño nos distintos establecementos comerciais de Tomiñoo  


 As verbas escollidas: fedello, changarella, afouteza, coliño, aperta, chouchiña, bágoa, ruliña, quérote, sentidiño, bico, riquiña, bolboreta, aloumiño, morriña, agarimo, toxo, xoaniña, amodiño e enxebre; están serigrafiadas en varios modelos de bolsas de tea 100% algodón. Hai cinco deseños diferentes que se repartirán, de balde, a partir do luns 1 de xuño nos distintos establecementos comerciais d e Tomiño.   

 Esta campaña está dirixida a reforzar os valores positivos que pode engadir o uso do galego na comunicación comercial e pretende tamén promover as compras no comercio local. Por iso, todas as persoas que realicen compras por un valor mínimo de 15 euros nos establecementos do municipio serán agasalladas cunha destas bolsas. Cada persoa que saia á rúa cunha destas bolsas, convertirase nun axente normalizador da lingua galega, ao tempo que apoiará ao comercio local. 

 Con este tipo de iniciativas o Concello de Tomiño procura sinerxias que resulten favorables para o conxunto da poboación. "Con esta campaña pretendemos impulsar o uso do galego á vez que axudamos ao sector a afrontar a situación de crise provocada pola pandemia do Covid-19, concienciando á cidadanía para que apoie aos comercios tomiñeses", comenta a concelleira. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario