7 de maio de 2020

PONTEVEDRA

No marco dun convenio coa Consellería de Sanidade    

AS FARMACIAS DE PONTEVEDRA  REALIZAN A ENTREGA GRATUÍTA DE MÁSCARAS  ÁS PERSOAS MÁIS VULNERABLES      

• Desde esta mañá están a dispensarse as máscaras gratuítas nas farmacias da provincia de Pontevedra que, de forma voluntaria e desinteresada, colaboran nesta iniciativa coa Xunta de Galicia    

• Nesta crise sanitaria os farmacéuticos de Pontevedra están ao dispor da Consellería de Sanidade para prestar servizos esenciais gratuítos á poboación      
 



Infogauda / Pontevedra

 A firma dun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e os catro Colexios de Farmacéuticos de Galicia garante a entrega de máscaras ás persoas beneficiarias do sistema público de saúde de Galicia máis vulnerables. Desde esta mañá están a dispensarse máscaras gratuítas nas farmacias da provincia de Pontevedra que, de forma voluntaria e desinteresada, colaboran nesta iniciativa coa Xunta de Galicia.    

 Ao comezo da crise sanitaria provocada polo  COVID-19, o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra puxo ao dispor da Consellería de Sanidade a rede de farmacias da provincia para colaborar en iniciativas como a distribución á poboación de máscaras e outros produtos de protección, a entrega de medicamentos no domicilio dos pacientes, a colaboración na realización de probas  diagnósticas de  COVID-19, a entrega de medicamentos hospitalarios evitando o desprazamento dos pacientes ao hospital, ou calquera outra iniciativa en beneficio dos cidadáns que tivese en conta ás farmacias como centros sanitarios próximos e accesibles á poboación.         

 Unha desas iniciativas materializouse hoxe co comezo da entrega en farmacias dun kit con tres máscaras cirúrxicas que a Xunta de Galicia pon ao dispor das persoas que teñen achega cero na prestación farmacéutica e dos pensionistas con límite de achega de 8,23 euros ao mes. Só é necesario que o beneficiario, ou outra persoa na súa representación, acuda á farmacia coa tarxeta sanitaria.      

 O farmacéutico comprobará no sistema de receita electrónica que a persoa é beneficiaria desta entrega gratuíta e dispensaralle as máscaras, rexistrando no sistema esta entrega.    

 “Hoxe recibíronse nas farmacias de Pontevedra máscaras suficientes para aproximadamente a metade das persoas beneficiarias e a próxima semana recibirase o resto. A nosa recomendación é que os beneficiarios non veñan buscalas ás farmacias os primeiros días para evitar colas innecesarias. Se non teñen previsto saír de casa ou xa dispoñen de máscaras, poderán recollelas cando as necesiten ou cando teñan que vir á farmacia para retirar os seus medicamentos. As máscaras estarán dispoñibles durante un mes, segundo informounos a Consellería de Sanidade. Ningunha persoa beneficiaria quedará sen a súa máscara”, asegura a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo.    

 Ao longo da crise sanitaria, os farmacéuticos continuaron prestando un servizo esencial á poboación, actuando en moitas ocasións como primeiro punto de información sobre o  COVID-19, resolvendo dúbidas e proporcionando pautas de comportamento aos cidadáns para a prevención do contaxio. Ademais de garantir á poboación a atención farmacéutica e o acceso aos medicamentos, realizan a entrega de medicamentos no domicilio dos pacientes que o necesitan e hoxe comezaron a entregar máscaras gratuítas ás persoas beneficiarias do sistema público de saúde de Galicia máis vulnerables.     

 “Nesta colaboración coa Xunta de Galicia na entrega gratuíta de máscaras á poboación galega máis vulnerable tamén participa a distribución farmacéutica  COFANO,  BIDAFARMA,  COFARES e  ALLIANCE  HEALTHCARE, o que afianza o firme compromiso da farmacia e da distribución farmacéutica coa nosa sociedade”, sinala a presidenta dos farmacéuticos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario