7 de maio de 2020

PONTEVEDRA

Areeiro constata un freo no avance do mildio, aínda que segue a aconsellar a máxima vixilancia das viñas  

· O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén alerta sobre o desenvolvemento da enfermidade do Black-rot e recomenda aplicar tratamentos 

O Black-rot foi a patoloxía que máis avanzou nas viñas visitadas esta semana  
Fotos: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

  A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que constata que na última semana e cos tratamentos aplicados nas viñas polas persoas viticultoras, freouse o avance do mildio. Así, na revisión das viñas do seu percorrido, o persoal da EFA comprobou que tralas aplicacións realizadas a situación maioritaria é que non había manchas novas, que as detectadas anteriormente estaban secas e sen frutificación e/ou zonas de avance e tamén que nos casos onde había algún acio algo afectado, os síntomas non avanzaron. Aínda así, as previsións meteorolóxicas dos próximos días anuncian que continuará a inestabilidade atmosférica e, a pesares de que o risco pode ser menor que nas últimas semanas porque se anuncia unha baixada das temperaturas mínimas, segue a ser alto, polo que Areeiro insiste en que a vixilancia das viñas debe ser máxima, co fin de renovar os tratamentos se hai síntomas novos ou frutificación ou zonas de avance nos antigos.

  Neste senso o persoal especialista de Areeiro apuntou tamén que noutras viñas, aínda que as menos, observáronse follas con manchas de aceite novas e mesmo algún acio con frutificación viable. Dáse a circunstancia de que nalgúns casos esta situación afectaba só a unha parte do predio onde aparentemente non se daban condicións máis favorables á enfermidade, polo que estes casos puideron deberse a unha inadecuada aplicación do funxicida, debido á aparición de vento mentres se facía ou a choivas caídas antes de que penetraran os produtos nas plantas. De aí que aconselle seguir controlando as viñas.

  O aviso refírese tamén a outras enfermidades das viñas, como o Black-rot, que segundo a EFA foi a patoloxía que máis avanzou en canto á presenza de síntomas nas viñas visitadas esta semana, e do mesmo informaron outro persoal técnico e persoas viticultoras. Nas revisadas por Areeiro, constatouse que o número de follas afectadas por planta foi superior ao observado ata agora en calquera campaña anterior, e mesmo nalgunha viña había síntomas no 30% delas. Hai que lembrar que os síntomas nas follas son manchas de cor parda-avermellada de forma circular ou lixeiramente poligonal bordeadas cunha liña marrón marxinal. As manchas obsérvanse sobre as dúas caras da folla e uns días despois de aparecer presentan uns puntiños negros que soen formar círculos e que corresponden á frutificación do fungo.

  Dado que se prevén precipitacións nos próximos días, a EFA sinala a necesidade de vixiar  as viñas, porque os síntomas nas follas non soen revestir gravidade, pero son a fonte de contaminación das inflorescencias e futuros froitos. E apunta que convén aplicar un tratamento se se observa nas viñas unha elevada densidade de manchas. Entre os produtos autorizados para o control desta enfermidade están algúns antimildio e outros antioídio, polo que con esta potencial aplicación actuarían igualmente fronte a estas outras patoloxías.

  No caso do oídio, Areeiro segue sen observar evidencias desta patoloxía en ningunha das  viñas visitadas, pero constatou que algunhas delas non recibiron tratamento algún, e aínda que as condicións climatolóxicas non favorecen ao fungo, aconsella tamén manter a vixilancia.

  Doutra banda, nas viñas visitadas tampouco se detectaron síntomas da botrite, pero os ventos moderados ou fortes que se rexistraron algúns días pasados romperon varios pampos, e mesmo en viñas novas afectaron tamén a parte da madeira. Como entre as condicións preferidas polo fungo para as contaminacións está precisamente a presenza de feridas ou lesións, ademais da temperatura e da precipitación, a EFA destaca que é preciso incrementar a vixilancia.

  Nesta semana Areeiro observou tamén un novo incremento de erinose nalgunhas viñas. E referiuse tamén á xeral presencia de caracois e babosas non só na viña senón tamén nas plantas de horta neste inicio de campaña. A EFA advirte que no caso das vides adultas xa non hai que esperar danos polo bo desenvolvemento da vexetación a estas alturas, pero en plantas novas, máis próximas ao solo e polo tanto máis accesibles, hai que vixiar a evolución dos posibles síntomas. 



Eiruga desenvolvida de  Cydalima perspectalis que ataca as sebes de buxo

 O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutras árbores. Así, no caso da maceira, esta semana a EFA detectou un maior número de follas afectadas polo moteado onde xa constatara a enfermidade, así como novas manchas noutras plantas. Como as choivas reducen o período de protección dos tratamentos, Areeiro recomenda que nas variedades máis sensibles se renove a protección se non se fixo xa nestes últimos días.

  Respecto da couza da mazá, a EFA está a ter as primeiras capturas nas trampas que ten instaladas, nun momento no que aínda non todas as variedades completaron a floración (outras si xa teñen froita en desenvolvemento). En calquera caso, lembra que esta praga pode afectar de xeito diferente mesmo a predios próximos, polo que apunta que a instalación de trampas é un bo método para coñecer a situación concreta e optimizar os tratamentos cando se superen os limiares establecidos.

  Por último, no que atinxe ao buxo, atopáronse varios síntomas novos da Cydalima perspectalis, con eirugas ben desenvolvidas que probablemente saíron máis tarde da hibernación, o que segundo a Estación Fitopatolóxica obriga a non descoidar a vixilancia. Doutra banda, nas trampas instaladas non se recolleron aínda adultos, pero si naceron varios exemplares na poboación que mantén Areeiro no seu laboratorio.

  Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario