8 de maio de 2020

O ROSAL

O CONCELLO DO ROSAL REANUDARÁ O LUNS 11 A ATENCIÓN AO PÚBLICO DE XEITO PRESENCIAL  

· Atenderase con cita previa en todos os departamentos, agás no Rexistro. 

· Implementaranse novas medidas de precaución, haberá aforo limitado e o horario de atención será de 9:00 a 14:00 horas 

Casa do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 O Concello do Rosal xa está a tomar as medidas necesarias para a súa reapertura ao público o vindeiro luns 11 de maio. Ese día reanudaranse os servizos de atención ao público de xeito presencial, aínda que seguirá tendo carácter prioritario a atención telefónica e telemática, como viña sucedendo ata o de agora dende o comezo do estado de alarma. Así, agás no Rexistro, todas as persoas que precisen acudir á Casa do Concello a resolver trámites nos distintos departamentos deberán pedir cita previa chamando ao 986 652 000. Tanto os veciños e veciñas que acudan ao Rexistro como aqueles que vaian á cita concertada con anterioridade deberán respectar os niveis de seguridade marcados no momento de acceder ás instalacións municipais.  

 Haberá en todo momento aforo limitado e o horario de atención presencial e telefónica será de 9:00 a 14:00 horas. O teléfono de atención telefónica xeral será tamén o 986 652 000 e o correo electrónico de atención cidadá é: info@concellodorosal.gal.  

 Por outro lado, o Concello garantirá a reincorporación gradual e asimétrica dos centros de traballo de xeito presencial, que convivirá co teletraballo nalgúns casos e departamentos. Ademais, como medida de precaución, adaptarase a disposición do mobiliario dos servizos nos que resulte necesario para garantir a distancia de dous metros entre postos de traballo ocupados ou co público que acuda ao Concello e farase un esforzo extra no servizo de limpeza na Casa do Concello para garantir a desinfección periódica das instalacións.  

 Todas estas medidas, así como outras que se vaian implementando segundo necesidade, tómanse seguindo as recomendacións das autoridades competentes para a transición e volta á nova normalidade nas instalacións municipais garantindo a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras presenciais e das citas atendidas.  

 Toda a información será ampliada ou actualizada a través da web municipal, concellodorosal.es e das páxinas oficiais do Concello do Rosal en Facebook e Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario