28 de maio de 2020

O BAIXO MIÑO

Os concellos do Baixo Miño reclaman colaboración da Xunta de Galicia 

· Na xestións das praias e zoas de baño

· Resulta chamativo que a estas alturas non se fixera, por parte da Xunta, a previsión para a contratación de socorristas 

Vista parcial da Praia Area Grande, na localidade de A Guarda
Foto: C.A.G.


Infogauda / O Baixo Miño

 O tema da apertura das praias foi - como como se afirma nun comunicado recibido este xoves, na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo - un dos que ocupou boa parte das intervencións na ultima xuntanza por videoconferencia dos alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño, celebrada o pasado luns día 25 de maio. 

 Coa entrada na fase 2 da "desescalada" autorízase a apertura das praias e zonas de baño a vez que se establecen unha serie de recomendacións para o seu uso en condicións de seguridade. No caso do Baixo Miño atópanse praias e zonas de baño de moi diferentes características e todas teñen en común a dificultade na súa xestión. Hai praias marítimas, como a Area Grande e O Carreiro; fluviais, como as do esteiro do Miño (O Forte, A Lamiña, A Armona, O Caldeiro, O Codesal, A Pasaxe,...), a de Eiras ou a de Goián, e tamén hai zonas de baño como As Aceñas ou A Pesqueira, no concello do Rosal. 

 As diferentes características destas praias e zonas de baño fan que os elementos de risco nelas sexan moi diferentes. Dado que estes varían segundo a extensión da praia, a salubridade das súas augas e incluso o caudal que as zonas de baño teñen en cada caso.  

 Os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño apelan, en calquera caso, "a responsabilidade da cidadanía dadas as dificultades para levar a cabo calquera forma de xestión das recomendadas polas distintas administracións. Para todas se necesita, ademais dun importante investimento económico en sinalización, a dotación de persoal suficiente para levar o control das persoas". Neste sentido os concellos decláranse "desasistidos pola Xunta de Galicia", dado que "o solo feito de sinalizar as praias para dar as recomendacións á poboación resulta moi gravoso" e, de momento, non recibiron "para este fin, nin para outros relacionados co estado de alarma e de crise sanitaria ningunha partida económica adicional por parte da Xunta". 

 "Tamén resulta chamativo - sinalan desde á Mancomunidade do Baixo Miño - que a estas alturas non se fixo, por parte da Xunta de Galicia, a previsión para a contratación de socorristas para as praias sabendo que serían necesarios unha vez que se permitira o baño, sobre todo, contando co remate da actividade escolar antes de tempo debido as condicións excepcionais deste curso". Por contra, "ademais de non ter resolta a subvención que permite a contratación de socorristas, non permiten que os concellos os contraten con cargo a esta subvención". Despois de feitas as consultas, por parte do concello da Guarda, a Xunta informa que no caso de contratar persoal antes de chegar a resolución da subvención pérdese a mesma. 

 En contraposición por parte dos concellos si se ten traballado para ter habilitados os espazos das praias e zonas de baño. De feito "o concello da Guarda iniciou hai varias semanas as tarefas de adecuación, sobre todo nas praias fluviais, xa que son as máis extensas e a limpeza realízase con medios manuais por persoal municipal adscrito a este servizo, para o que non se recibe ningunha axuda por parte de Medio Ambiente da Xunta a pesar de ser un entorno natural protexido. En concreto este ano, debido ao mal tempo de inverno, recolléronse máis de 10 toneladas de refugallos depositados sobre os areais". 

 Os concellos do Baixo Miño solicitan da Xunta de Galicia "colaboración na xestión e nos gastos derivados da crise sanitaria por causa do Covid-19" e pídenlle "responsabilidade e dilixencia" para resolver cuestións das que os concellos se están facendo cargo sen axuda, dada a urxencia da situación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario