O Concello do Rosal consigue activar o proxecto ‘Explanada do Horizonte’
· O Goberno municipal traballou intensamente dende o primeiro minuto para tramitar todos os permisos e autorizacións necesarias e facer realidade o proxecto
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández - a dereita da imaxe - coa arquitecta e paisaxista María Fandiño supervisando in situ o desenvolvemento do proxecto ‘Explanada do Horizonte’
Fotos: C.O.R.
Infogauda / Portecelo (O Rosal)
Acondicionar o Camiño de Santiago ao seu paso polo Rosal e dotar a Portocelo dunha nova área de esparexemento para veciños, peregrinos e visitantes. Ese é o obxectivo da ‘Explanada do Horizonte’, un proxecto integral de revalorización e mellora que o Concello conseguiu activar grazas a meses de intenso traballo para tramitar todos os permisos necesarios para o seu desenvolvemento. Un traballo administrativo que acaba de culminar coa consecución da última autorización para poder desenvolver os traballos en todas as áreas de incidencia do proxecto.
“Dende a nosa chegada ao Goberno puxémonos a traballar man a man coas Administracións e con todos os implicados para poder facer realidade este proxecto tan importante para O Rosal. Non había ningunha autorización tramitada, polo que tivemos que investir moitos esforzos en conseguir as cesións e aprobacións de todas as entidades implicadas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. Tras os meses de trámites iniciais para conseguir os primeiros permisos comezaron a realizarse unha parte das obras, que neste momento estaban paradas a falta desa última autorización administrativa.
Meses de traballo
Para conseguir todos os trámites o Goberno municipal traballou coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santa Mariña do Rosal para a cesión dos terreos necesarios para realizar as obras, así como coa traída de augas, coas percebeiras e co veciño propietario da parcela onde está situado o petróglifo Laxe do Lapón, que se converterá nun dos elementos culturais principais do proxecto. “Non podemos máis que agradecer a boa disposición de todos eles para colaborar na medida do posible e poder facer realidade un proxecto de tanta envergadura. Un agradecemento que temos que facer extensivo a todos os veciños e veciñas de Portecelo e San Xián pola súa paciencia e a súa cooperación”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.
A esquerda dsas imaxes, a alcaldesa do Rosal visitando as obras coa arquitecta autora do proxecto
Ademais, para poder sacar adiante este proxecto obra da arquitecta e paisaxista María Fandiño, o Concello rosaleiro tivo que tramitar tamén todos os permisos necesarios coas sectoriais de Augas de Galicia, Estradas de Galicia, Patrimonio Cultural e Costas. Un traballo “arduo no que levamos implicados dende o primeiro día”.
‘Explanada do Horizonte’
O proxecto busca a revalorización e mellora paisaxística do tramo do Camiño de Santiago pola costa que pasa ao longo o municipio e a restauración da coñecida como ‘Explanada do Horizonte’ dotándoa dun área de descanso, dun merendeiro, dunha pequena edificación acondicionada con aseos e bar de tempada, dun miradoiro e dun aparcamento. Todo poñendo en valor a paisaxe, recuperando os ecosistemas da zona e rexenerando as áreas de descanso dun tramo que consta de elementos naturais que o converten nun conxunto único en Europa.
Na actualidade neste tramo do Camiño de Santiago non existen paradas para peregrinos e a ‘Explanada do Horizonte’, chea de escombros dende os anos 70, supón un punto neurálxico ao situarse á metade da ruta ao seu paso polo Rosal. A través do proxecto, crearase un miradoiro ao mar e á Serra da Groba que se converterá nun novo potencial turístico e mellorarase a calidade ambiental repoboando a zona con especies autóctonas, eliminado o recheo e creando novas terrazas de pedra que servirán para novos usos.
Por outra banda, a ‘Explanada do Horizonte’ tratará o Camiño de Santiago coa mesma delicadeza, marcando puntos de parada onde o valor paisaxístico é maior, potenciando a repoboación de arborado e sinalizando elementos culturais situados na contorna, como o petróglifo Laxe do Lapón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario