2 de maio de 2020

COOPERACIÓN

A Deputación de Pontevedra analiza o impacto da pandemia nos seus proxectos europeos e toma medidas para garantir os 30 millóns de euros previstos  

A estratexia pasará por presentar candidaturas á convocatoria Life e deseñar novos proxectos especificamente relacionados coa xestión dos efectos da Covid19



Infogauda / Pontevedra


  A pandemia da Covid-19 está a ter efecto sobre os 33 programas europeos que a Deputación está a impulsar na provincia de Pontevedra. Así quedou claro na primeira sesión telemática da Comisión de Seguimento de Proxectos Europeos, presidida pola deputada Iria Lamas, e no que participan os responsables de tódolos departamentos da Deputación que xestionan iniciativas con financiamento comunitario, ademais do deputado Uxío Benítez, delegado da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Río Miño (AECT), da que a Deputación é socio institucional.

  A suspensión dos prazos de presentación de documentación e xustificación de actuacións, a raíz da entrada en vigor do Real Decreto de Estado de Alarma, así como a incerteza sobre os prazos definitivos é común a boa parte destes programas. A Comisión de Seguimento, creada recentemente diante do importante volume de proxectos europeos (o maior da historia da Deputación), adoptou as primeiras medidas de coordinación de cara ao desenvolvemento íntegro dos proxectos, que mobilizan na nosa provincia un total de 30 millóns de euros.

  A deputada Iria Lamas agradeceu o traballo que se está a facer por sacar adiante iniciativas que teñen un impacto directo en termos de xeración de emprego e van dende o turismo, a formación, a xestión de residuos eléctricos e electrónicos, protección do medio ambiente, da cultura, eficiencia enerxética, desenvolvemento do sector naval e agropecuario, cooperación transfronteiriza ou igualdade, entre outras áreas.

  A nova estratexia provincial pasa por instar á captación de novos fondos europeos no marco do programa Life, cuxa convocatoria vén de abrir, e ao que a Deputación vai presentar varias candidaturas que xa teñen distintos graos de madurez. Ademais, trazáronse as primeiras liñas para ir desenvolvendo proxectos relacionados coa mitigación do impacto da Covid19 na sociedade e no tecido produtivo da provincia. A este respecto, o persoal  técnico coincidiu en que é indubidable de que haberá fondos para este fin nas convocatorias de programas como o Poctep (colaboración transfronteiriza con Portugal), Espazo Atlántico (que abrangue 5 rexións europeas) ou Sudoe (España, Portugal e Sur de Francia), entre outros.

  Respecto ás consecuencias da pandemia, a Comisión de Seguimento apuntou a necesidade de axilizar e seguir con especial atención a evolución dos programas en marcha con maior relación co emprego, como sucede co ESTRAEE, que financia o acondicionamento de puntos limpos para a xestión dos residuos eléctricos e electrónicos e os do Instituto para o Desenvolvemento e Aforro Enerxético (IDAE). No caso da AECT Río Minho, que desenvolve os proxectos SmartMinho (cultura e mobilidade transfronteiriza) e VisitRioMinho (creación de marca e dun anel verde con sendeiros ao redor da canle fluvial), inclúen actividades presenciais que foron adiadas.

  En canto aos proxectos europeos no ámbito do turismo un dos indicadores de avaliación é o número de asistentes ás distintas actividades. Estes indicadores deberán ser corrixidos agora para ter en conta as actividades online e tamén as medidas de distanciamento social que levarán aparelladas limitacións de aforo.

  En canto á formación para o emprego analizouse a situación do programa Labora 2020, que consiste en preto de 30 cursos e do que se beneficiarán máis de 800 persoas desempregadas da provincia. Dende a Deputación vaise facer unha xestión cos xestores do Fondo Social Europeo para que autoricen o maior número de horas de teleformación posible e, ademais, pedirase á Xunta de Galicia á maior flexibilidade para a expedición dos certificados de profesionalidade.

  Finalmente, fíxose un repaso á situación dos e das estudantes que están realizando prácticas laborais en Irlanda, Finlandia, Malta, Portugal e Italia. 15 alumnos e alumnas que seguen en Italia rematan entre maio e xuño e estase a xestionar a volta de catro en colaboración coa Embaixada e as autoridades españolas. O mesmo sucede con dous dos catro que están en Malta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario