O Servizo de Patrimonio da Deputación de Pontevedra traballa na renovación da súa web, que incluirá un novo apartado de memoria histórica
O novo portal dividirase en seis seccións, para explicar o traballo nas áreas de Arquivo, Biblioteca, Audiovisual, Cartoteca e Editorial
Fonte: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de
Pontevedra, xunto coa equipa de Novas Tecnoloxías, están a finalizar o
traballo de renovación da súa web oficial. O portal terá seis seccións
que explicarán o traballo das áreas de Arquivo, Biblioteca, Audiovisual,
Cartoteca e Editorial, incorporándose como novidade un apartado
destinado á Memoria Histórica, un dos eixos de goberno que se queren
potenciar neste mandato.
Segundo explica a deputada responsable
de Patrimonio, María Ortega, a renovación da actual páxina
(arquivos.depo.gal) era moi necesaria xa que a súa estrutura non
permitía poñer en valor o inxente traballo realizado no departamento. O
obxectivo é que nas vindeiras semanas a web poida estar xa aberta ao
público e así facilitar o acceso a milleiros de referencias, recursos,
catálogos dunha maneira moito máis intuitiva e visual, con apartados
para destacar novidades e aspectos relevantes para as persoas usuarias.
"Estamos nun momento, co confinamento debido á emerxencia sanitaria, no
que se teñen multiplicado as visitas á nosa web. Entendemos que os
contidos e as novidades que imos reseñando están a ter moi boa acollida,
polo que a pesares de que se leva traballado na web moitos meses, é o
momento no que tamén se debe dar un pulo e darlle unha nova apariencia e
estrutura máis acaída cos tempos actuais", subliñou a deputada
nacionalista. Esta nova web, de feito, servirá de completemento ao recén
estreado buscador AtoPO, que reúne os fondos documentais,
bibliográficos, cartográficos e audiovisuais do Arquivo Provincial, o
Museo e outras institucións municipais e entidades da provincia.
Ademais do desenvolvemento informático, como principais impulsores dos
contidos das seccións na web están a traballar os responsables do
Arquivo central, José Luis Castro, e do apartado de Arquivos municipais,
Lourdes Pérez-Santamarina, ambos do departamento de Documental; Ernesto
Trabazo como responsable da Biblioteca, José Cumbraos do departamento
de Audiovisuais-gráfico-sonoro, e Beatriz de la Cruz, responsable da
Cartoteca, do departamento Bibliográfico; aos que se une o persoal que
traballa no ámbito da Editorial, baixo a supervisión da Xefe de Servizo
Ana Vicente, e da deputada María Ortega. Nos últimos días estanse a
realizar reunións telemáticas para pulir as cuestións pendientes.
Como novidade, xa que non existe actualmente na web arquivos.depo.gal,
incorporarase un apartado de Memoria Histórica no que se darán a coñecer
os programas desenvoltos e previstos pola Deputación para este mandato.
Así, incluiranse audiovisuais, galerías fotográficas e documentacións
relativas a actividades desenvolvidas como a exposición ‘Rexas, Mulleres
baixo o terror franquista' ou relativos ás Xornadas ‘Na Loita contra a
impunidade' celebradas en novembro do ano pasado. Tamén haberá un
apartado de recursos, nos que se incorporarán mapas e directorios das
asociacións de memoria da provincia, webs e ligazóns de interese,
lexislación e normativa aplicable, así como un apartado específico para o
traballo realizado sobre ‘A xeración perdida', unha base de datos de
concelleiros das corporacións republicanas que se viron afectadas polo
alzamento fascista.
Artigo sobre os maios
Como é habitual, e de maneira máis periódica nesta corentena, o persoal
do Servizo de Patrimonio vén de publicar na súa web un artigo que no
día de hoxe está dedicado á Festa dos Maios, onde lembran as verbas
sobre o seu simbolismo e significación do etnógrafo e historiador Clodio
González Pérez en ‘A festa dos maios en Galicia: unha aproximación
histórico-antropolóxica ó Ciclo de Maio', editado polo Servizo de
Publicacións da Deputación en 1989.
Ese, explican dende o
departamento, xunto con outros coma ‘Os maios: unha festa antiga e
universal', ‘A festa dos maios en Pontevedra', ‘A festa dos maios no
concello de Vilagarcía', ‘A festa dos maios de Marín', ‘A illa de Ons e
os maios'…, son só algúns dos títulos sobre esta festividade existentes
na biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, que,
ademais, conta na súa sección audiovisual con abundantes documentos
gráficos sobre esta celebración.
Ademais de animar a
consultar unha selección desas referencias bibliográficas (dispoñibles
na modalidade de préstamo e consulta) tan pronto como se renove a
actividade presencial, o persoal do servizo convida a visualizar
directamente algúns documentos gráficos que recollen instantáneas da
celebración da Festa dos Maios en Pontevedra na década dos 60 nunha
ligazón disponible dentro do artigo na web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario