O AECT RIO MINHO PIDE A NÚÑEZ FEIJÓO UNHA REUNIÓN URXENTE PARA TRATAR AS CONSECUENCIAS DO PECHE DOS PASOS CON PORTUGAL PARA AS POBOACIÓNS DA FRONTEIRA
· O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT, Uxío Benítez, lembra que o 28 de abril as e os alcaldes de ambos lados da raia solicitaron a coordinación de gobernos na desescalada
· Apelan á súa responsabilidade como parte da cúpula da Comunidade de Traballo Galiza Norte de Portugalpara adoptar unha postura activa na defensa dos intereses da Eurorrexión
Foto: D.PO.
Infogauda / O Baixo Miño
O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e director do Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, Uxío Benitez Fernández vén de solicitar esta mañá formalmente unha entrevista urxente co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, co fin de tratar as consecuencias do peche dos pasos na fronteira con Portugal para as poboacións do Miño.
Benítez lembra que o 28 de abril os alcaldes e alcaldesas dun e outro lado da ‘raia’ asinaron unha declaración conxunta e enviáronlla ao mandatario autonómico para solicitar a súa implicación na reclamación de medidas urxentes que permitan facilitar a mobilidade de traballadores e traballadoras fronteirizos con máis pasos, así como a coordinación dos gobernos competentes para equilibrar a ambos lados as actuacións da desescalada. Sen embargo, ata o de agora a AECT non recibiu ningún contacto por parte da Xunta nin se coñece ningún movemento dado goberno autonómico para paliar os problemas no Miño, situación que contrasta coas reclamacións ante o Executivo central doutros gobernos autonómicos -como o de Extremadura-, que conseguiron más vías abertas con Portugal practicamente dende o inicio do estado de alarma.
O deputado lembra que Núñez Feijóo debe ter un importante papel nesta situación xa que alterna na presidencia e vicepresidencia da Comunidade de Traballo de Galiza-Norte de Portugal. Este organismo foi creado nos tempos de Manuel Fraga coa finalidade de favorecer unha dinámica conxunta entre Galicia e o Norte de Portugal para coordinar iniciativas e examinar as posibilidades de solucionar os problemas comúns, ou de contribuír á súa solución por medio de acordos ou de recomendacións e propostas ás autoridades competentes. “Feijóo debe actuar pola importancia que ten para a Eurorrexión Galiza Norte de Portugal o peche de fronteiras. Apelamos á súa responsabilidade neste conflito e a que deixe de estar ausente”, indicou o deputado nacionalista.
O responsable do AECT Rio Minho explica que de celebrarse a reunión telemática urxente con Feijóo, tamén estaría presente o vicedirector da entidade e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira.
O AECT encargou á Universidade de Vigo un estudo sobre o impacto económico do peche da fronteira pola COVID-19 no que se indica que o territorio do Miño está a sufrir un doble impacto económico: polo parón na actividade xeral con motivo da pandemia e pola súa situación como fronteira. Entre outras cousas, dado que nestes momentos só está habilitado un só paso entre ambos países, traballadoras e traballadores teñen que dar rodeos de ata 100 quilómetros para acudir aos seus postos, algo que economicamente fai que nalgúns casos nin sequera sexa rendible.
Ante esta situación iniciáronse as reclamacións formalmente coa sinaturadunha declaración formal o pasado 28 de abril por parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao goberno central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica. Dende entón, estanse a celebrar unha serie de encontros con diferentes actores co fin de buscar unha solución inminente.
O último realizouse na tarde do xoves, cando o director e vicedirector da AECT se reuniron virtualmente co secretario xeral da Asociación de Rexiós Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, que se comprometeu a dar a coñecera situación á responsable da CE, Ursula Von der Leyen.
O director da AECT lembra que o treito pontevedrés supón o 5% da liña de fronteira con Portugal en todo o Estado Español, se ben asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas. É unha das áreas transfronteirizas máis dinámicas economicamente de toda Europa (ao estar no eixo Vigo-Porto), a que reúne máis poboación e, ao mesmo tempo, ten relacións sociais, culturais e lingüísticas moi profundas.
Segundo insiste o director da AECT, segundo pasan os días e a fronteira do Miño sigue mantendo un único paso aberto, a indignación medra tanto na poboación traballadora como nos representantes locais. Por iso, tamén se solicitará outra entrevista urxente co delegado do Goberno en Galicia, tamén coñecedor da declaración dos alcaldes e alcaldesas do Miño dende o pasado 30 de abril.
Ningún comentario:
Publicar un comentario