O concello promove mercanaguarda
· Para impulsar o comercio electrónico nos negocios locais
Infogauda / A Guarda
Ante
o peche dos comercios físicos durante o período de confinamento, gran parte das
empresas que ofrecían servizos e produtos tiveron que moverse ao entorno
en liña, ou comercio electrónico, o que lles permitiu, grazas á tecnoloxía, seguir xerando
ingresos e mantendo así activo o fluxo da actividade comercial.
A
imposibilidade de mercar de xeito presencial determinados artigos, bens, productos ou servizos, nos establecementos considerados de primeira necesidade, provocou que utilizar o
carriño da compra a través dun clic se convertera nunha opción
globalmente aceptada por moitos consumidores, provocando incluso que se
producira un aumento da media de idade dos compradores e de que moitas
persoas que nunca antes fixeran unha compra en liña probaran a facelo por primeira vez.
Concretamente
na nosa localidade, e durante a situación de confinamento, puidemos
observar como o volume de paquetes que as empresas de transporte levaban
aos fogares guardeses experimentaba un aumento de máis alá do dobre con
respecto ao habitual, poñendo de manifesto que unha importante parte
dese gasto non se quedou no noso pobo.
As
análises sobre comercio electrónico estiman que o precipitado
crecemento do comercio electrónico non decrecerá aínda que se supere a
crise do Covid-19, senón que seguirá afianzándose aínda máis nos
próximos meses e anos. Por iso desde o executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz consideran "vital que os negocios da
nosa vila sexan quen de dar resposta ás demandas da clientela neste
sentido e de adaptarse ás novas tendencias do mercado".
Por todas estas razóns nace www.mercanaguarda.com, un mercado
ou plataforma de venda en liña, que - unha vez superada a actual fase de probas -, poderá ser utilizada por todos os
negocios da localidade que vendan produtos ou servizos. Esta plataforma
está deseñada para que tanto compradores como vendedores podan manexala
con facilidade.
"Mercanaguarda.com - afirman desde o executivo local - pretende funcionar como un gran mercado virtual onde estean representados aqueles comercios, negocios de restauración, postos do mercado municipal e incluso autónomos/as ou empresarios/as do sector primario da localidade que desexen vender os seus produtos mediante comercio electrónico, non só a nivel local senón tamén no resto de España e Portugal. Con esta medida vanse materializando algunhas das accións que o Concello da Guarda ten previsto tomar para favorecer a reactivación económica da localidade".
De acordo coas mesmas fontes, "a diferencia doutras plataformas similares, Mercanaguarda non cobrará comisións por vendas aos negocios, agás as comisións propias da pasarela de pago (xerais para calquera tipo de negocio en liña), e non existirá límite no número de produtos que cada un dos vendedores poda ofertar. Tampouco existe limitación en canto ao número de negocios que se poden adherir, sempre e cando sexan negocios con sede na localidade.
Os pagos realizaranse a través dunha pasarela de pago e cada negocio deberá ter unha conta propia de Paypal para xestionar os cobros dos pedidos. Cada establecemento contará con varias opcións de envío dispoñibles (mensaxería, recollida en tenda ou levando eles mesmos a compra ao domicilio do cliente)".
En canto á parte económica, desde Praza do Reló, nº 1, deron a coñecer que "o Concello encargouse de asumir o custo da posta en marcha e levará a cabo labores de difusión da plataforma a través de canles propias, así como cobertura dos gastos iniciais de márketing e posicionamento. Iranse estudiando as necesidades da plataforma pero preténdese que a mesma funcione de forma autoxestionada e sen necesidade da intervención do Concello".
Tal e como vén de facer público o Goberno Municipal "os vendedores terán que abonar unha única cota inicial de 20€ no momento da formalización da alta e que lles dará acceso ao uso da plataforma durante o primeiro ano, e de 30€/ano durante os posteriores. Estas cotas serán facturadas pola empresa que deseñou a plataforma e cubrirán os gastos da formación inicial na que se amosará aos vendedores como deben utilizar a plataforma, así como os gastos de mantemento da mesma. Considerando que a creación dunha tenda en liña rondaría dos 800 aos 1.500€, e que tamén implicaría gastos de mantemento anual, creemos que esta ferramenta pode dar similares oportunidades aos negocios locais pero a un custo simbólico.
As persoas que desexen adherir os seus negocios á plataforma deberán facelo directamente premendo na pestana “Vendedores” do menú e a continuación “Rexístrate aquí” ou a través da icona de “Mi cuenta”. Unha vez recollidos uns primeiros datos recibirán no seu correo electrónico a información para continuar co proceso de alta e no que se convocará a unha sesión de formación inicial para o uso da plataforma.
Calquera dúbida poderá ser enviada a través do enderezo electrónico mercanaguarda@gmail.com
Esperamos que esta iniciativa teña boa acollida entre os negocios locais e poda servir como unha vía máis para aumentar as vendas do noso tecido comercial e hostaleiro".
Ningún comentario:
Publicar un comentario