14 de maio de 2020

A GUARDA

O BNG presenta novas medidas para unha saída social a crise provocada pola COVID-19  

· O Grupo Municipal do BNG, a través do seu portavoz municipal, Anxo Lois Baz, vén de facer pública unha iniciativa de novas medidas económicas e sociais 

Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do BNG no Concello de A Guarda
Foto: BNG

Infogauda / A Guarda  

 Como avanzara oportunamente este xornal dixital, o BNG xa presentou no pleno do día 5 deste mes unha serie de medidas urxentes para combater a crise social e económica provocada pola COVID-19, aberta a amplialas coas achegas do resto da corporación municipal, procurando o máximo consenso. Nesa sesión plenaria, acordouse a convocatoria dunha mesa técnica para abordar estas medidas.  

 O portavoz do BNG no Concello de A Guarda, Anxo Lois Baz Vicente afirma “que medidas como a bonificación nos recibos do lixo e a auga para comercios e hostalaría afectada polo cese de actividade, así como para as familias que teñan unha renda per cápita inferior ao IPREM (537,48 €/mensuais), a redución do importe das licenzas de apertura para o fomento e creación de novas empresas ou o incremento da partida de Emerxencia Social por citar só algunha das medidas, deben ser tratadas urxentemente. Por eso instamos ao alcalde, que convoque a mesa técnica acordada para avanzar nestas e noutras medidas o antes posibel”.

TRANSFORMAR Á PRAZA DE ABASTOS NUN MERCADO DE EXCELENCIA 

 Anxo Baz presenta “estas medidas urxentes que deben ir acompañadas de outras de maior calado nas que interveña a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado. A crise que se aveciña vai esixir levar adiante proxectos de futuro para promocionar e dinamizar a economía do noso concello. Nesa liña consideramos que transformar a praza de abastos nun mercado de excelencia é prioritario para garantir o seu futuro e para  crear dinámicas locais que favorezan o comercio de proximidade e xeren emprego”.  

 O voceiro nacionalista tamén incidiu en que “o Concello da Guarda debe integrarse na rede [Ágora] de Concellos polo Espazo Público que promove a Deputación de Pontevedra o que propiciaría facer unha vila máis sostibel e humana. A distancia física recomendada polas autoridades sanitarias, fai  máis  necesario que nunca contar con espazos en rúas e prazas que permitan realizar actividades de esparcemento e desprazamentos a pé con seguridade. Nesta nova situación a prioridade peonil debe ser un obxectivo básico  en todas as rúas nas que sexa posíbel”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario