15 de maio de 2020

LABORAL

INDITEX MODIFICA TODOS OS HORARIOS DUN DÍA PARA OUTRO, DE MANEIRA UNILATERAL, VULNERANDO PACTOS E NORMAS LEGAIS   

ESTA IMPOSICIÓN AFECTA TAMÉN A TODAS AS PERSOAS TRABALLADORAS QUE GOZAN DE MEDIDAS DE CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIA   

A PRESIDENTA DO COMITÉ DE EMPRESA DE ZARA NA PROVINCIA DA CORUÑA FOI EXPULSADA DO SEU POSTO DE TRABALLO POLA POLICÍA

Infogauda / Galiza

 A federación de Servizos da CIG denuncia que Inditex modificou o pasado luns, de xeito unilateral e dun día para outro, os horarios do persoal do grupo en todo o Estado. Esta decisión inclúe tamén as traballadoras que teñen redución de xornada por coidado de crianzas, o que supón un ataque directo contra o dereito de conciliación da vida laboral e familiar.   

 Dende a central critican que con esta modificación substancial das condicións de traballo Inditex pretenda recuperar os cartos que non aforrou ao non aplicar un ERTE “a custa dos horarios das persoas traballadoras e da conciliación da súa vida laboral e familiar”. De maneira sorpresiva, dun día para outro, por teléfono e sen negociación cos comités de empresa, impuxo uns horarios que vulneran os dereitos que durante anos foi conseguindo o persoal das tendas do grupo téxtil. “Nin sequera respecta os mínimos que fixa o Estatuto dos Traballadores/as”.  

 Segundo sinalan dende a CIG-Servizos, trátase dunha medida da que non se sabe canto tempo vai a durar e da que a dirección de Inditex deu orde aos distintos departamentos de recursos humanos de non deixar ningunha constancia por escrito, “conscientes das ilegalidade nas que incorren, para intentar dificultar que as empregadas/os poidan demandar”.  

 En consecuencia, o persoal do grupo propiedade de Amancio Ortega quedará sen día libre, límite de tardes e librada de fin de semana, “e nin sequera poderán gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei”.  

 Máis grave aínda consideran a decisión de incluír nesta modificación a todo o persoal que goza de concreción horaria por conciliación da vida laboral e familiar. “A Inditex danlle igual as dificultades que o peche dos colexios e garderías e a inexistencia de campamentos e servizos de garda e custodia están supoñendo para as familias. Non vai respectar nin un só dos horarios que as persoas (na súa inmensa maioría mulleres) necesitan para coidar das súas crianzas, moitos deles conseguidos nos xulgados”.  

 Tal e como sinalan dende a CIG, a empresa alega motivos de prevención e de protección das persoas traballadoras para estragar o sistema de horarios e calendarios “que lle custou moitos anos conseguir aos comités de empresa”. Mais na central sosteñen que a causa real non é outra que a de intentar non ter que recorrer á contratación temporal e aforrar cartos nas substitucións no caso de que se produzan contaxios polo novo coronavirus.  

 Ao mesmo tempo, acusan a compañía de aplicar medidas preventivas e de protección “ridículas”: néganse a botar man da posibilidade legal de obrigar a clientela a utilizar máscaras de protección, van permitir a entrada a un elevadísimo número de persoas nas tendas, non van contratar persoal de seguridade que controle as entradas e fían a desinfección da roupa que se proben os clientes a unha vaporeta. De feito, o lema do plan de prevención do grupo é 'La vaporeta es nuestra vacuna'.  

 A CIG xa presentou denuncia por todo isto diante da Inspección de Traballo, sen descartar a interposición dun conflito colectivo.   

Expulsión da presidenta do comité da Coruña  

 Como consecuencia deste cambio unilateral do horario laboral, a traballadora e presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carmiña Naveiro, foi expulsada do seu centro de traballo pola Policía española o pasado martes día 12. Naveiro atopábase desenvolvendo o seu labor na quenda de tarde, cando a empresa lle comunique que se ten que marchar ás 20:15 horas, en lugar de ás 22:30 horas, cando remata o horario habitual.   

 Diante disto, a traballadora solicita que se lle comunique por escrito, porque do contrario non vai abandonar o seu posto de traballo. A empresa négase a facelo e chama a policía para que a expulsen da tenda. “Entón entren seis homes vestidos de uniforme -catro policías e dous gardas de seguridade- non almacén onde estaba a traballar eu soa; sentinme totalmente coaccionada, pero aínda así non abandonei o meu posto até que a empresa mo comunicou por escrito”.   

 Naveiro sinala que despois o grupo Inditex aparece nos medios de comunicación coma “unha alma caritativa” que fai doazóns, non aplica ERTE, etc, pero logo resulta que amparándose no estado de alarma modifica a xornada do seu persoal e chama a policía para obrigar as súas traballadoras a abandonar o seu posto, aplicando a represión contra elas e as súas representantes”. Finalmente, quere deixarlle moi claro á dirección de Inditex que “o estado de alarma non suspende os nosos dereitos laborais e de liberdade sindical; as traballadoras non podemos permitir que os nosos dereitos morran por culpa do coronavirus”.  

 “Catro policías e de dous membros de seguridade da empresa Prosegur, seis homes con porras e pistolas, para botar a unha muller do seu posto de traballo, así é como actúa a dirección desta empresa”, censuran dende a CIG. Por este motivo, a central presentou denuncia no Xulgado, “porque non podemos deixar pasar este abuso e a vulneración dun dereito fundamental”.   

 Finalmente, dende a central anuncian a posta en marcha dunha campaña de mobilizacións para rexeitar este tipo de prácticas “intolerábeis que atentan contra a dignidade das persoas traballadoras” e para trasladarlle á opinión pública “o verdadeiro xeito de proceder desta transnacional”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario