Por sentencia xudicial
A “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” foi decrarada disolta
Na imaxe, o magnífico inmoble adicado a Centro Cultural e Social
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
No Concello de A Guarda houbo un alcalde - que ainda vive - , que referíndose a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”, dixo públicamente, nunha sesión plenaria da primeira Corporación Municipal democrática xurdida no noso país despois da posguerra, que a devandita sociedade “(...) era una entelequia”. Non temos constancia exacta do que pretendía decir con esa expresión en lingua castelá, sobor de todo, tendo en conta que segundo o Diccionario de la Real Academia de la Lengua (RAE), entelequia significa, na súa primeira acepción, “cosa irreal”. Se cadra, naquela altura, o rexedor quixo decir que a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” deixara de desempeñar as finalidades para as cales fora - en boa hora -, fundada. Dito sexa de paso, por un distinguido grupo de guardeses que en verdade deron probas dabondo do seu agarimo por A Guarda. Eran, sen ningún xénero de dúbidas, guardeses de lei.
Por outra banda, se consultamos o mesmo vocábulo - entelequia - no Dicionario da Real Academia Galega, vemos como na súa segunda acepción dínos: Cousa, persoa ou situación perfecta, imaxinaria e ideal que non ten existencia real.
Entelequia ou non, o certo é que logo do último presidente electo - D. Ermelindo Portela Gómez -, que cesou voluntariamente como tal, a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”, deixou de ter actividade desde o ano 1979. De tal xeito, que as persoas que formaban parte da xunta directiva - Antonio Martínez Vicente (presidente en funcións), Manuel Martín Goyás, Florentina Andrés Álvarez, Miguel Ángel Sobrino Blanco, o párroco de Santa María de A Guarda,... - non celebraron máis xuntas, nin tampouco foron pasadas ao cobro as cotas dos socios, con o cal a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”, que ao longo de varias décadas desenvolvera un magnífico labor, tendo o monte Santa Trega, como principal motivo da súa razón de ser, deixou de ter actividade. E dese xeito, a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” estaba abocada a súa desaparición como tal. Iso vírono algúns guardeses con inquedanzas, que mesmo chegaron a cumplimentar as solicitudes de alta para seren membros da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”, e tentar sacala da lánguida situación na que se atopaba. Porén, as circunstancias daquel momento, non posibilitaron que callase esa posibilidade.
Foi así como logo de varios anos pensando na que sería a solución máis axeitada, o presidente en funcións Antonio Martínez Vicente, convocou aos directivos vivos da última xunta directiva do ano 1979, a unha reunión extraordinaria que tivo como único punto na orde do día a disolución da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”. Desa reunión, celebrada o día 10 de agosto de 2017, non se acadou un acordo unánime, toda vez que un dos asistentes a mesma - Miguel Ángel Sobrino Blanco -, manifestou seu rexeitamento a proposta de disolución, postura que contou coa apoio verbal doutras persoas que sen haber sido convocadas polo presidente en funcións, tamén estaban presentes nesa xuntanza. De tal xeito que houbo dúas sesións posteriores, nas cales tampouco se acadou a unanimidade.
Como queira que o artigo 34 do Regulamento da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” dispón que: “Esta sociedad no podrá anexarse a ninguna otra entidad, y para disolverse será preciso el voto de las tres cuartas partes de sus socios; en este caso los fondos que hubiere se destinarán a beneficicencia pública local, y el Museo, Biblioteca y demás enseres se entregarán, previo inventario y en calidad de depósito, al Ayuntamiento, u otra entidad de solvencia de la localidad (...)”.
Dese xeito, o Concello de A Guarda, presidido polo alcalde Antonio Lomba Baz, previo ditame de letrado, decidiu a interposición dunha demanda xudicial a fin de obter a disolución da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”, “(...) e así poder chegar a ser depositario dos seus bens que, co paso do tempo e a inactividade da Sociedade estánse deteriorando progresivamente.”
A devandita demanda xudicial foi presentada o día 1 de febreiro de 2019 no Xulgado de Primeira Instrucción Decano de Tui, e o xuizo ordinario foi sinalado para o día 11 de marzo de 2020.
No día de onte 30 de abril de 2020, un redactor de Infogauda contactou telefónicamente co devandito xulgado, a fin de tentar saber se xa fora dictada a correspondente sentencia, e no día de hoxe, o executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, fixo pública á seguinte nota:
“A “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla“ fundouse en 1912 coa finalidade de fomentar o turismo e poñer en valor o monte Santa Trega, impulsando sobre todo a súa paisaxe e o patrimonio arqueolóxico do xacemento castrexo. Esta Sociedade foi, sen dúbida, verdadeiro motor social e cultural da Guarda durante boa parte do século XX, ata que no ano 1979 os seus socios se reúnen por última vez en asemblea xeral.
Con posterioridade creouse o Padroado [Municipal] “Monte Santa Trega”, un órgano que, xunto co concello, veo a asumir os mesmos fins que tivera durante o seu funcionamento a “Sociedad Pro-Monte”. Nesta situación, a histórica Sociedade perdeu a súa razón de ser e deixou de ter actividade. Os anos foron pasando e dada esta falta de actividade e as nulas posibilidades de reactivación, algúns membros da última xunta directiva consideraron que a mellor saída era a súa extinción. Entregando ao concello da Guarda os seus bens a fin de garantir que os mesmos seguisen sendo de desfrute de todos os veciños e veciñas da localidade.
O proceso de extinción da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” comezou no ano 2017 cando os membros vivos da última xunta directiva do ano 1979 foron convocados polo presidente en funcións, Antonio Martínez, a unha reunión extraordinaria con un único punto na orde do día: a disolución da “Sociedad Pro-Monte”. Nesta reunión, que se prorrogou en dúas sesións máis, en días diferentes, non se chegou a un acordo sobre a extinción.
A intención última de parte dos membros da xunta directiva era aplicar o artigo 34 do seu regulamento que dispón que no caso de disolución, “los fondos que hubiere se destinarán a beneficencia pública local, y el Museo, Biblioteca y demás enseres se entregarán, previo inventario y en calidad de depósito, al Ayuntamiento u otra entidad de solvencia de la localidad.”
Dada a situación de bloqueo da extinción da “Sociedad Pro-Monte”, a necesidade de protexer e garantir o carácter público das súas propiedades, a necesidade de mantemento dalgunhas destas propiedades con fondos municipais, e seguindo as recomendacións dos servizos xurídicos da Xunta de Galicia e do propio concello da Guarda, a entidade local interpuxo unha demanda xudicial como última saída.
Nestes últimos días o xulgado número 1 de Tui ditou sentencia en primeira instancia favorable a demanda interposta polo concello da Guarda na que declara “a disolución da “Sociedad Pro-Monte” e a apertura da fase de liquidación da mesma, previa a súa extinción, recoñecendo o dereito do concello da Guarda a que se lle entreguen en calidade de depositario, os bens propiedade da citada entidade.
Entre os bens da “Sociedad Pro-Monte”, que pasarán ao concello da Guarda en depósito cando remate o proceso, están: o Parque do Cancelón, o Centro Cultural e Social, a Casa da Cultura, o arquivo da Sociedade e os fondos do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega.
Con este proceso reverten no concello por dereito uns bens que xa o eran de feito, dado que a entidade local é quen está xestionando, dando uso e mantendo os bens inmobles da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” para beneficio de todos os veciños e veciñas da vila”..
Ainda que debido a crise motivada polo COVID-19, polo de agora non tivemos acceso físico a sentencia xudicial, entendemos que a partires do momento en que sexa firme, comezará a apertura da fase de liquidación da devandita sociedade, previa a súa extinción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario