A Agrupación Musical do Rosal porá banda sonora a maio, mes das Letras Galegas
· Do 1 ao 17 de maio publicaranse nas redes sociais do Concello vídeos con pequenas actuacións musicais protagonizadas polo alumnado
Na imaxe dous compoñentes da Agrupación Musical do Rosal
Foto: C.O.R.
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Este ano O Rosal celebrará o Día das Letras Galegas dun xeito diferente, máis virtual que nunca e coa colaboración da Agrupación Musical do Rosal. Unha forma coa que a agrupación quere seguir homenaxeando o galego, xa que por mor da actual crise sanitaria non poderá realizar a súa tradicional xornada de convivencia do 17 de maio, unha xornada que se viña organizando dende 2006 e na que preparaban diferentes actividades musicais, culturais, gastronómicas,..., para todos os gustos e todas as idades coas que destacar a importancia da lingua galega e achegar o idioma a toda a veciñanza. Adaptándose á situación actual que se está a vivir, este ano Concello e Agrupación traballarán xuntos para render homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a través das redes sociais.
Dende este mesmo venres 1 de maio ata o vindeiro 17, Día das Letras Galegas, o Concello publicará nas súas páxinas de Facebook e Twitter vídeos interpretados por distintos membros da Agrupación Musical do Rosal. Diferentes instrumentos e melodías cos que entreter a todos os rosaleiros e rosaleiras, dende pequenas pezas clásicas a bandas sonoras ou cancións coñecidas como Frozen, a ‘Marcha do emperador’ de J. Clarke, ‘Imagine’ de John Lennon, ‘Eternal flames’ de The Bangles ou ‘Angels’ de Robbie Williams, entre outras.
"Desde o Concello do Rosal queremos agradecer a disposición e a colaboración da Agrupación Musical, formando parte de iniciativas como esta, que non só fan máis levadíos os días de confinamento polo estado de alarma, senón que permite seguir celebrando dun xeito diferentes datas tan importantes como o Día das Letras Galegas", afirmou á alcaldesa Ánxela Fernández.
Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero
Este 2020 o Día das Letras Galegas dedícase ao filólogo, escritor e mestre Ricardo Carvalho Calero coincidindo cos 110 anos do seu nacemento e os 30 do seu pasamento. Ferrolán de nacemento, estudou Dereito e Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, onde se adentrou tanto no galeguismo como nos movementos culturais da época. Membro da Real Academia Galega desde 1958, Carvalho Calero foi impulsor da Gramática galega e en 1963 publica a ‘Historia da literatura galega contemporánea’, un labor que outros escritores intentaran antes de xeito importante pero sen éxito.
Primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o escritor dedicou os seus estudos á lingua galega, centrándose na coherencia histórico-lingüística do idioma. Carvalho Calero conta cunha extensísima obra literaria, tanto no campo da novela, como da poesía, do teatro ou do ensaio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario