A Xunta de Galicia analizará o impacto do coronavirus no Camiño en colaboración coa Universidade de Santiago
Román Rodríguez agradeceu o traballo destes colectivos, que manteñen vivo o espírito da peregrinación en todo o mundo nestas semanas de confinamento
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez,
durante unha videoconferencia con representantes de asociacións de
amigos do Camiño de Santiago de ámbito internacional
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Subliñou que o resultado deste estudo,
xunto coas conclusión do grupo de expertos creado, permitirá adaptar o
Xacobeo 2021 ao escenario post Covid-19
Agradece ao Goberno que
atenda a petición de Galicia e convoque un Consejo Jacobeo
extraordinario para analizar a situación co resto de comunidades
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia analizará o impacto da
actual crise sanitaria no Camiño en colaboración coa Universidade de
Santiago a través dun estudo a cargo do Instituto de Estudos e
Desenvolvemento de Galicia (Idega). A súa diagnose da situación, sumado
ás conclusións que se deriven do grupo de expertos avanzado a pasada
semana, permitirá adaptar o Xacobeo 2021 ao escenario post Covid-19.
Así
o expuxo hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez,
durante unha videoconferencia con representantes de asociacións de
amigos do Camiño de Santiago de ámbito internacional, na que estivo
acompañado pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o director
de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de
Santiago, Isaías Calvo. Na súa intervención, o conselleiro agradeceulles
o enorme interese demostrado nas últimas semanas pola realidade xacobea
e que manteñan vivo nos seus territorios o espírito da peregrinación.
Os colectivos participantes proceden dunha quincena de países dos cinco
continentes.
Román Rodríguez quixo coñecer as súas achegas, como
xa fixera nas últimas semanas coas asociacións de ámbito galego e
estatal, co fin de telas en conta e incorporalas ás medidas necesarias
para a volta á normalidade da Ruta Xacobea. Estas ideas serán tamén
compartidas co Goberno e co resto de comunidades autónomas no marco do
Consejo Jacobeo que se celebrará o próximo luns. A este respecto, o
conselleiro agradeceu que se atendera a petición de Galicia, que
solicitou a convocatoria extraordinaria deste órgano co fin de poder
traballar de maneira conxunta coas autonomías polas que discorre o
Camiño.
“O interese polo Camiño segue latente en milleiros de
peregrinos”, subliñou o conselleiro, quen destacou a responsabilidade de
traballar xuntos para facer do Xacobeo 2021 un elemento de reactivación
nos sectores turístico e cultural e, por extensión, no resto da
economía dos lugares que atravesa, na maior parte dos casos do ámbito
rural.
Desgravacións fiscais ata 2022
Neste mesmo
marco, Román Rodríguez solicitou a implicación por parte do Goberno
central nesta celebración e reiterou a importancia de que se atendan
demandas como a extensión das desgravacións fiscais ata o ano 2022 co
obxectivo de estimular as achegas privadas e captar máis recursos para o
desenvolvemento de proxectos culturais e turísticos.
Tal e como
explicou o titular de Cultura e Turismo da Xunta, o estudo en
colaboración coa USC súmase ao grupo de expertos multidisciplinar,
composto por unha ampla presencia de representantes de todos os
colectivos implicados, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a
Igrexa ou a administración local, ademais de especialistas do eido
económico e profesionais dos sectores cultural e turístico da
Comunidade, entre outros. Tamén estes colectivos xacobeos internacionais
formarán parte deste grupo, en concreto a través da representante en
España de American Pilgrims on the Camino.
Asociacións representadas
No
encontro de hoxe participaron representantes da Confraternity of Saint
James de Londres, a American Pilgrims on the Camino, a Australian
Friends of the Camino, a Canadian Company of Pilgrims, a Nederlands
Genootschap van Saint Jacob, a Association Belge des Amis de Saint
Jacques de Compostelle, a Deusche St Jakobus Geselleschaft, a Associaçao
Espaço Jacobeus, en Portugal, a Confraternita di San Giacomo di
Perugia, en Italia, o Centre d'Etudes Compostellanes. Association
Francaise des Amis de Saint Jacques de Compostelle, a Federación
Americana de Asociaciones del Camino de Santiago de Compostela, a
Asociación Coreana de los Amigos del Camino de Santiago en Madrid, a
Asociación de Amigos del Camino en Japón, a Jeju Olle Fundation, a
Confraternity of St James South Africa e a Associaçâo Brasileira dos
Amigos do Caminho de Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario