A Xunta de Galicia flexibiliza as condicións para que os
agricultores de autoconsumo poidan realizar con maior facilidade os
desprazamentos ás súas leiras
A
medida, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, apróbase tras os
resultados da evolución da emerxencia sanitaria e a implementación das
medidas adoptadas durante as últimas semanas
Foto: X.G.
A partir de hoxe, os agricultores non
profesionais e os propietarios de viñas de autoconsumo poderán acudir
con total normalidade ás súas parcelas se se atopan no mesmo concello
que a súa vivenda, mentres que se se encontran nun municipio distinto,
poderán percorrer un máximo de 5 quilómetros
Para xustificar o desprazamento, deberán levar obrigatoriamente consigo unha declaración responsable que comprenda as fincas nas que levan a cabo estes cultivos ou os coidados das viñas, entre outros datos
Infogauda / Galicia
Para xustificar o desprazamento, deberán levar obrigatoriamente consigo unha declaración responsable que comprenda as fincas nas que levan a cabo estes cultivos ou os coidados das viñas, entre outros datos
Infogauda / Galicia
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural
pola que se suavizan e flexibilizan as condicións para que os
agricultores considerados de autoconsumo poidan realizar con maior
facilidade os seus desprazamentos ás leiras nas que desenvolven a súa
actividade. Esta norma modifica o establecido con respecto ás
restricións da súa mobilidade por mor da emerxencia sanitaria do
coronavirus publicadas na orde do pasado 24 de marzo no DOG.
O
tempo transcorrido dende a primeira declaración do estado de alarma, e a
propia evolución da emerxencia sanitaria coa implementación das medidas
adoptadas durante as últimas semanas, permiten agora modificar algunha
das medidas contempladas na orde publicada o pasado 24 de marzo, e
singularmente aquelas cuxa incidencia non redunde nunha alteración
substancial da motivación última da propia orde.
Así, a principal
novidade consiste en que se elimina a anterior limitación de 500 metros
para que as persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados de
autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais, e polo tanto non
desenvolvan unha actividade profesional agraria, poidan realizar os
desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención
dos seus cultivos sempre dentro do termo municipal da súa residencia
habitual. No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa
vivenda, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de
distancia desde a casa.
Porén, mantense a restrición de que non
poderá haber máis de dúas persoas na finca, as cales deberán respectar
en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de
prevención establecidos pola autoridade sanitaria.
Así mesmo, no
relativo á acreditación da necesidade de desprazamento, nas actividades
agrarias consideradas de autoconsumo deberá realizarse coa presentación
dunha declaración responsable que comprenda as fincas nas que leva a
cabo os cultivos ou os coidados das viñas, incluíndo a identificación da
parcela, así como o tipo de cultivos que realiza. No caso de tratarse
de cultivos ecolóxicos, a declaración incluirá tamén que non se empregan
tratamentos fitosanitarios e que, polo tanto, se carece do carné de
aplicador/manipulador destes produtos. Porén, a persoa que si emprega
este tipo de produtos poderá presentar tamén o carné como suplemento
adicional a esta declaración responsable.
Ademais, en dito
documento, a persoa deberá declarar responsablemente que leva
desprazándose de xeito habitual á finca en cuestión para a realización
de actividades agrarias de autoconsumo polo menos durante o último ano.
Neste senso, a Administración poderá realizar as oportunas
comprobacións, controis e inspeccións para verificar o contido da
declaración responsable.
No caso dos agricultores e viticultores
profesionais e os seus traballadores, poderán seguir efectuando os
desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e
mantemento dos cultivos e os viñedos. Ademais, poderán acreditar a súa
condición de profesionais coa súa inscrición no Rexistro de Explotacións
Agrarias de Galicia (Reaga)
Para os efectos desta disposición,
terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo
completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións
Agrarias de Galicia (Reaga). Para a acreditación do carácter de
agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é
suficiente coa inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións
Agrarias de Galicia (Reaga). Nese sentido, os axentes da autoridade
poderán dirixirse ao dito Rexistro para efectuar calquera comprobación
que estimen oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais,
poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos
fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo Consello
Regulador da Denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario