Román Rodríguez subliña o compromiso da Xunta de Galicia para apoiar a recuperación do turismo nas Rías Baixas
O
conselleiro de Cultura e Turismo, acompañado polo alcalde de Sanxenxo,
mantivo unha videoconferencia con representantes de Viajes Interrías
Foto: X.G.
Avanzou que a Xunta ultima un plan de reactivación e expuxo as medidas
xa en marcha en materia de seguridade sanitaria, promoción ou
teleformación
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, destacou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia co
sector turístico das Rías Baixas durante unha videoconferencia con
representantes dun dos principais touroperadores galegos, Viaxes
Interrías, empresa pontevedresa cunha traxectoria de máis de 30 anos. O
encontro, no que estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de
Galicia, Nava Castro, enmárcase na rolda de contactos que o Goberno
galego está a manter nas últimas semanas cos distintos axentes
turísticos para avaliar o actual escenario e deseñar accións para facer
fronte aos seus efectos, neste caso nun dos principios destinos da
Comunidade.
Nesta reunión telemática, na que tamén participou o
alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o conselleiro explicou que a Xunta
ultima un plan de reactivación autonómico para os sectores cultural e
turístico, cun investimento de máis de 25 millóns de euros co obxectivo
de minimizar o impacto extraordinario que esta situación supón na súa
actividade.
“As Rías Baixas son a capital do turismo en Galicia, e
xuntos –empresas, entidades locais e Xunta– debemos traballar no día
despois promocionando Galicia como destino seguro”, afirmou Román
Rodríguez, engadindo que “temos un gran reto por diante que supón
acondicionar os establecementos á nova situación, recuperar a confianza
dos consumidores e ser capaces entre todos de volver a un modelo
turístico que será diferente pero que, sen dúbida, está chamado a ser un
motor económico para as Rías Baixas e Galicia”.
Xerar confianza
O
conselleiro avanzou as primeiras medidas xa en marcha en materia
turística, ámbito que representaba o 10,4% do PIB e o 11% do emprego da
Comunidade antes do inicio da crise do coronavirus. Entre elas, destacou
o desenvolvemento dun Plan de seguridade hixiénico sanitaria para
intensificar a confianza de traballadores e turistas, o deseño dunha
campaña de promoción que reforce Galicia como destino seguro e o Plan de
teleformación a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia
(CSHG), que está a ser moi ben acollido polo sector, pois conta xa cunha
quincena de cursos e máis de 2.000 usuarios inscritos.
Ao longo
destas últimas semanas, Román Rodríguez recompilou as achegas de
diversos axentes galegos co fin coñecer as súas necesidades e telas en
conta á hora de poñer en marcha as distintas iniciativas que formarán
parte do Plan de Reactivación, dotado con fondos autonómicos e que será
remitido a outras administracións para enriquecerse coas súas achegas.
Neste sentido, incidiu na necesidade de manter unha intensa colaboración
público-privada para traballar no día despois, con medidas no curto,
medio e longo prazo.
Calendario de desescalada
Román
Rodríguez destacou que o Plan de reactivación para os sectores cultural e
turístico da Xunta deberá ir acompañado dun plan nacional neste ámbito
que enriqueza o modelo galego par poder superar esta crise, algo xa
solicitado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Neste
sentido, salientou que a planificación “é máis necesaria que nunca”. Por
iso cómpre agardar que o Goberno do Estado, facendo uso das súas
competencias no estado da alarma, fixe un horizonte de volta á nova
normalidade en todos os sectores económicos.
Neste sentido,
lembrou que Xunta de Galicia colabora de xeito constante e leal co
Goberno central desde o inicio da crise do coronavirus. Unha
colaboración que se puxo de manifesto cando a Administración autonómica
propuxo a creación de aloxamentos turísticos de garda para cubrir as
necesidades de colectivos esenciais e vulnerables, unha idea exportada
ao conxunto do Estado. Tamén nas diferentes reunións nas que se
trasladou o traballo que se está a facer desde Galicia e as demandas
específicas do noso sector turístico e compartindo as primeiras
conclusións do grupo de traballo para o plan de seguridade sanitaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario