A Xunta de Galicia instala no Colexio Rural Agrupado de Tomiño un invernadoiro para formar os escolares en horta ecolóxica
A construción, de 24 metros cadrados e cun atractivo deseño en forma de capela de policarbonato ríxido de gran duración, servirá para que o alumnado faga prácticas relacionadas coa produción hortícola en ecolóxico
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria
(Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de rematar a
construción dun invernadoiro no Colexio Rural Agrupado (CRA) de Tomiño
Foto: X.G.
Infogauda / Tomiño
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria
(Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de rematar a
construción dun invernadoiro no Colexio Rural Agrupado (CRA) de Tomiño,
na provincia de Pontevedra. Trátase dunha instalación de 24 metros
cadrados dun atractivo deseño en forma de capela de policarbonato ríxido
de gran duración que se tratou de integrar no medio educativo como un
elemento máis de formación e lecer. Nel, os cativos van desenvolver
prácticas relacionadas co medio agrario e máis concretamente coa
produción ecolóxica.
A Xunta de Galicia considerou que este centro educativo,
pola súa situación no medio rural, era idóneo para tratar de introducir
na contorna escolar elementos vinculados á actividade agraria. O
obxectivo é que os nenos e nenas poidan levar ao centro escolar os
coñecementos adquiridos nas actividades da horta familiar e ao revés,
que os saberes adquiridos no colexio se introduzan nas prácticas
agrarias das familias, xa sexan profesionais da agricultura ou non.
A
produción ecolóxica é unha eficaz ferramenta de desenvolvemento
económico no rural e mediante este tipo de instalacións o alumnado pode
tomar contacto con sistemas de produción libres de residuos e que
empreguen só fertilizantes orgánicos. Deste xeito, poden interiorizar xa
desde pequenos esta forma de producir alimentos sans e seguros, que vai
ter nos vindeiros anos unha gran demanda polas persoas consumidoras e
unha gran aceptación social polo respecto ao ambiente que leva consigo.
Para
o desenvolvemento deste proxecto, a Agacal vai contar coa colaboración
do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que
vén de desenvolver contidos educativos específicos para cada grupo de
idade escolar e que se van distribuír de xeito xeneralizado nas escolas
acollidas ao plan “Proxecta”. Así mesmo, levarase a cabo un seguimento
individualizado de cada invernadoiro nas primeiras fases de posta en
marcha do proxecto.
Ademais desta instalación escolar situada no
municipio pontevedrés de Tomiño, a Xunta construíu tamén outros dous
invernadoiros idénticos nos CRA de Coristanco (A Coruña) e Ribadavia
(Ourense), coa mesma finalidade didáctica relacionada coa produción de
horta en ecolóxico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario