27 de abr. de 2020

O ROSAL

Protección Civil colabora co Concello do Rosal para atender as necesidades derivadas da crise sanitaria  

· Os voluntarios/as encárganse de tarefas como o reparto de alimentos de SOS Tomiño ou dos cadernos de actividades para persoas con párkinson e percorren os barrios cada dous días para atender ás necesidades da veciñanza   

Voluntarios e voluntarias de Protección Civil están traballando man a man co Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Dende o inicio do estado de alarma hai xa 45 días, un equipo coordinado de voluntarios e voluntarias de Protección Civil está traballando man a man co Concello do Rosal para poder atender todas as necesidades que van xurdindo con motivo da crise sanitaria e das medidas e protocolos de prevención do COVID-19, tanto para axudar no día a día á veciñanza para facerlle máis levadío a corentena como para dar resposta as emerxencias sociais, que aumentaron de xeito significativo co confinamento. Todas as actuacións que levan a cabo están sendo coordinadas dende Servizos Sociais, que dende o inicio da emerxencia sanitaria está a traballar ao máximo rendemento para dar resposta rápida a unha das áreas de maior importancia nestes intres tan complicados. 

 Deste xeito, dende hai mes e medio os oito voluntarios e voluntarias que actualmente conforman o servizo de Protección Civil percorren cada dous días os barrios informando aos veciños e veciñas das medidas a tomar durante este estado de alarma e pedíndolles que sexan responsables, pero tamén atendendo ás necesidades que lles poidan xurdir a rosaleiros e rosaleiras durante estes días.  

 Estes voluntarios e voluntarias colaboran tamén co Concello para cubrir as necesidades básicas de persoas maiores que viven ou están soas e encárganse do reparto de alimentos no Rosal que organiza a asociación SOS Tomiño cada 15 días, unha tarefa que antes do estado de alarma facía persoal voluntario da ONG. Ademais, colaboran no reparto semanal dos cadernos de estimulación para reforzar a memoria que a Asociación Párkinson Baixo Miño elabora para persoas que padezan esta doenza ou con diferentes centros escolares para poder levar material educativo aos rapaces e rapazas.  

 Trátase dun equipo que actualmente conta con 8 persoas en activo que actúan de forma totalmente altruísta e con todas as medidas de seguridade necesarias para poder atender todas as necesidades xurdidas estes días sen ningún tipo de risco nin para eles mesmos nin para a poboación. Todas as persoas interesadas en facerse voluntarias poden poñerse en contacto con Protección Civil a través do correo proteccioncivil@orosal.es

 "Dende o Goberno municipal queremos agradecer o labor que están a desenvolver os voluntarios e voluntarias de Protección Civil dende o inicio do estado de alarma, así como a todas aquelas asociacións e organizacións que traballan arreo e se ofrecen a colaborar co Concello para dar resposta a todas as necesidades que están xurdindo nos últimos tempos", dixo Ánxela Fernández, alcaldesa do Concello do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario