15 de abr. de 2020

GALICIA

A conselleira do Mar e o titular de Sanidade veñen de remitir un escrito ao Ministerio de Sanidade con estas demandas ante a crise do coronavirus 

Galicia fundamenta de novo ante o Goberno central a súa petición de analizar a exclusión do marisqueo de entre as actividades esenciais durante o estado de alarma e pide facilidades no acceso a compensacións



    Foto: X.G.

Rosa Quintana e Jesús Vázquez Almuiña enviaron ao Estado unha nota argumentada na que lembran as dificultades do sector para desenvolver a súa actividade en condicións de seguridade e como consecuencia do peche de facto das canles de comercialización dos seus produtos 

 A Xunta solicita a flexibilización dos requisitos para acceder ás prestacións extraordinarias polo cese de actividade como os aprobados para sectores como o cultural e que se simplifique o sistema para xustificar a caída de ingresos  

O Executivo galego demanda ao Goberno central que dote aos profesionais do marisqueo de equipos de protección individual mentres a súa actividade sexa considerada esencial do mesmo xeito que fixo cos traballadores doutros sectores non esenciais que retomaron a actividade o pasado luns

Infogauda / Galicia

  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, enviaron onte unha nota argumentada ao Ministerio de Sanidade na que fundamentan de novo a petición de Galicia de que se revise a declaración do marisqueo e a extracción de recursos específicos como actividade esencial durante o estado de alarma pola crise do coronavirus, tal e como se realizou recentemente e aínda de xeito parcial, co caso das gasolineiras. O Executivo galego pide, en coordinación e colaboración co propio sector afectado, que se teñan en conta tanto as dificultades que teñen estes profesionais para desenvolver o seu labor en condicións de seguridade como o peche de facto das canles habituais de comercialización dos seus produtos, polo que pide ao Estado que facilite o acceso dos profesionais afectados ás compensacións económicas correspondentes por esta situación excepcional.
 O escrito da Xunta dá resposta ao requirimento feito polo Ministerio de Sanidade hai poucos días no que solicitaba un informe da Consellería de Sanidade que detallase as limitacións existentes na actualidade para o desenvolvemento do marisqueo con garantías como requisito para estudar a solicitude galega de analizar unha posible exclusión desta actividade das consideradas esenciais durante o estado de alarma. Ese requirimento do Goberno central produciuse dez días despois de que a Consellería do Mar se puxese en contacto co Ministerio para demandar a súa intervención dado que as xestións realizadas co mesmo obxectivo ante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación non obtiveron resposta.
 O documento remitido polo Executivo galego ao Estado advirte das dificultades que teñen os profesionais do marisqueo para desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade dado o complexo que é manter as distancias oportunas durante a extracción, especialmente no caso das persoas que traballan desde embarcacións, ou no momento de pesada e control das capturas, cunha configuración das máquinas e unha operativa que impiden cumprir coas medidas de distanciamento.
 As consellerías do Mar e de Sanidade engaden a esas dificultades as derivadas de que o material de protección non cumpre de xeito eficaz a súa función por tratarse dun traballo no medio acuático. Neste sentido, inciden en que o uso de máscaras está condicionado pola humidade e pola propia actividade física das mariscadoras e mariscadores, o que provoca que estes elementos de protección ou as pantallas faciais se abafen continuamente ou caian como consecuencia de que se trata dunha actividade desenvolvida en constante movemento.

Problemas de comercialización

 A maiores, a Xunta lembra as dificultades coas que se atopa o sector para colocar os seus produtos no mercado como consecuencia da baixa demanda polo peche da hostalería. Neste sentido, reitera que o peche da principal canle de saída dos produtos do marisqueo provocou un descenso da facturación do sector de máis do 96% desde que se declarou o estado de alarma en relación co mesmo período do ano pasado e que a saturación de produto que padecen os comercializadores do sector dificulta a súa venda, o que deixa aos profesionais do marisqueo sen compradores para a súa mercadoría.
 Os moluscos bivalvos, engade o Executivo galego, son ademais produtos perecedoiros, polo que é inviable a súa almacenaxe para posterior comercialización, e a colocación á industria transformadora e conxeladora é improbable pois estas empresas están centrando a súa actividade en produtos de maior consumo. Por todo isto, a Consellería do Mar entende que este sector non está a participar, de facto, na cadea de subministro, polo que solicita ao Estado que estude a procedencia de declarar o cese de actividade no marisqueo e na extracción de recursos específicos.
 Nesta liña, a Xunta recorda que se poden reconsiderar as actividades declaradas como esenciais durante o estado de alarma como ocorreu, de xeito parcial, no caso da distribución polo miúdo de carburantes e combustibles nas estacións de servizo e postes marítimos. Dun estado de apertura xeral pasouse a outro de operatividade parcial, algo que, entende o Goberno galego, podería aplicarse ao sector pesqueiro e, máis en concreto, no marisqueo.

Medidas compensatorias

 Co obxectivo de protexer aos profesionais afectados por esta situación, a Consellería do Mar tamén reitera ao Executivo central a necesidade de simplificar e facilitar o acceso do sector á prestación extraordinaria por cese de actividade previsto no real decreto de medidas para facer fronte ao impacto económico e social da crise do coronavirus. Neste sentido, o Goberno galego solicita que se flexibilicen os requisitos para xustificar a caída de ingresos no marisqueo como consecuencia da alerta sanitaria do mesmo xeito que se fixo con outros sectores como o cultural.
 O departamento que dirixe Rosa Quintana considera necesario simplificar o sistema para comprobar a perda de ingresos posto que o sector marisqueiro galego conta con 3.777 persoas con permex de marisqueo a pé e con 2.893 embarcacións -cunha media de 1,7 tripulantes- coa posibilidade de extracción de distintos recursos, o que podería saturar os servizos da Administración Xeral do Estado como consecuencia dos labores para a súa comprobación.
 A maiores, e mentres o Executivo central mantén o marisqueo entre as actividades consideradas esenciais, a Xunta tamén lembra a procedencia de que o Goberno estatal dote aos profesionais do sector de equipos de protección individual do mesmo xeito que fixo desde o pasado luns coas actividades non esenciais que volveron ao traballo tras dúas semanas de parón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario