Crise sanitaria motivada polo novo coronavirus COVID-19
Orpagu demanda un protocolo adecuado para o desembarco da tripulación tras un positivo a bordo
• Aos traballadores do "Ribel Tercero", que compartiron actividade cun caso xa confirmado de COVID-19, non se lles fixo ningún test á súa chegada hoxe a porto a pesar de pasar máis de quince días co compañeiro que deu positivo e que foi evacuado.
• A resposta dos requirimentos de Orpagu, finalmente procederase a realizar os controis a estes mariñeiros, pero segue pendente un protocolo de actuación para todos os barcos no caso dun positivo confirmado, así como a prevención de realizar test aos mariñeiros no momento do embarque.
"Ribel Tercero"
Foto: Ángel Luis Godar Moreira
Foto: Ángel Luis Godar Moreira
Infogauda / A Guarda
O "Ribel Tercero", palangreiro pertencente a Orpagu, volveu na mañá do sábado día 11 de abril ao porto de Vigo tras precipitar o seu regreso polo xa confirmado positivo por COVID-19 dun dos seus tripulantes, evacuado polo buque-hospital "Esperanza del Mar" e hospitalizado desde o venres no Hospital Povisa, en Vigo.
A tripulación, composta por nove homes, atracou o sábado pola mañá no porto vigués, unha información que fora comunicada previamente ás administracións por parte da casa armadora e pola propia Organización de Palangreiros Guardeses, como parte da política de cooperación e información que mantiveron desde as primeiras sospeitas dun positivo por coronavirus no barco. Unha vez en porto, os traballadores, acompañados polo armador, mantivéronse á espera do despregamento dun protocolo preventivo, dado o positivo confirmado polo compañeiro co que compartiron espazo durante máis de quince días.
Unha espera que resultou infrutuosa ante a sorpresa dos mariñeiros, que esperaban algunha medida que evitase a súa volta a casa xunto ás súas familias antes de coñecer se son ou non positivos. O propio armador acabou xestionando en vehículos privados o traslado dos tripulantes, que pasarán a corentena nos seus fogares. Cos mariñeiros xa recluídos nas súas casas e tratando de tomar, por propia iniciativa, medidas de seguridade, respondeuse os requirimentos de Orpagu e armadora, e finalmente realizaranse os test que, en boa lóxica, deberían levarse a cabo no momento da chegada a porto.
“A situación vivida co “Ribel Tercero” pon de manifesto a imperiosa necesidade dun protocolo de actuación para este tipo de casos”, afirman desde a Organización de Palangreiros Guardeses, que “lamenta a falta de medidas para atender un suceso que sen dúbida se repetirá”. Así mesmo, sinala “a contradición de que se lles recoñeza como actividade esencial para garantir á poboación unha alimentación de calidade, extremo confirmado publicamente polo ministro Luís Planas”, e a “indefensión” coa que se atopan “á hora de realizar o traballo sen as medidas de seguridade pertinentes”.
Máis aló da actuación no caso dun positivo, os palangreiros guardeses, como xa fixeron diversas organizacións pesqueiras, demandan “que se fagan as probas a todos os mariñeiros antes de embarcar para evitar situacións como a que se viviu a bordo do "Ribel Tercero", co risco, dado o espazo limitado dun barco, de contaxio entre os traballadores”.
Por outra banda, este luns 13 de abril procederase á desinfección do barco a cargo dunha empresa homologada.
Cronoloxía dun caso de COVID-19 a bordo
O día 3 de abril, o patrón do "Ribel Tercero" púxose en contacto co buque hospital "Juan de la Cosa" para poñer no seu coñecemento que un tripulante presentaba febre desde facía dúas xornadas, cunha temperatura que ía aumentando desde os 37,2º do primeiro día aos 38'6º do terceiro.
Ademais, o devandito mariñeiro sufría fatiga e, co transcorrer das horas, tamén dificultades para respirar. O sanitario do "Juan de la Cosa", tras pedir que lle realizasen diversas probas, concluíu que podería tratarse dun caso de COVID-19 polo que pediu o illamento inmediato nun camarote deste traballador e a posta en marcha dun protocolo de limpeza e desinfección no barco, que se realizou de forma inmediata.
Paralelamente, ao tripulante administróuselle paracetamol cada seis horas e controlóuselle a saturación en osíxeno e a temperatura cada catro horas, medidas estas últimas que se estenderon ao resto da tripulación.
Todo ese protocolo mantívose escrupulosamente ata a evacuación do enfermo por parte do buque "Esperanza del Mar", que se encargou do seu traslado o venres a Vigo, onde foi conducido de forma inmediata ao centro hospitalario Povisa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario