V. DECLARACIÓN DE LOITA INTERNACIONALISTA
O goberno do PSOE-Unidas Podemos pon en perigo a vida de millóns de traballadoras co regreso ao traballo
Loita Internacionalista
O Goberno PSOE-UP obriga a volver ao traballo a tres millóns e medio de traballadores/as de sectores non esenciais. Unha medida moi grave por parte dun suposto goberno de esquerdas, que se toma sen consultar ao seu propio comité de expertos, sen suficiente material de protección (non teñen nin os hospitais nin os sectores esenciais) e sen tests xeneralizados para saber a dimensión real da infección e detectar os casos asintomáticos que tamén transmiten a enfermidade. No estado español estamos lonxe aínda de frear a epidemia, pero o goberno envía millóns de traballadores a xogarse a saúde sen ningún tipo de protección e deixando en mans dos empresarios o respecto ás medidas sanitarias nos centros de traballo. Unha vez máis, as esixencias da patronal pasan por diante da saúde e a vida da clase obreira.
Nun comunicado do 12 de abril CCOO e UGT recoñecen que as recomendacións de seguridade que fixo o goberno "son de difícil aplicación na gran maioría de centros de traballo", pero non esixen ao goberno que manteña o confinamento. E limítanse a animar aos traballadores a que, en cada centro de traballo, denuncien os incumprimentos..., cando xa sería demasiado tarde para evitar contagios. Para completar, nun artigo publicado o 11 de abril no País, Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, defende ao goberno e di que as medidas que veu aprobando "van na boa liña, pero non son suficientes e hai que reforzalas". E Álvarez, secretario xeral de UGT, non se queixa do desconfinamiento senón de que non lles consultaron. Pola súa banda a CEOE e a patronal catalá presionan máis para que os contaxios non teñan a consideración de baixas laborais.
Xa sabemos que pasou en Bérgamo, no norte de Italia: manter a produción como esixía a patronal supuxo un alto número de mortes. Como explica o portal Ctx (1) esta zona, que foi a que rexistrou máis mortes por coronavirus de Europa, non se declarou "zona vermella" polas presións da patronal, que quería manter en funcionamento as fábricas do val do río Serio, unha das áreas máis industrializadas de Italia, en contra do que reclamaban os expertos, os alcaldes e os traballadores. No Norte de Italia estalaron folgas espontáneas mentres que os sindicatos maioritarios pactaban co goberno de Giuseppe Conte. Naquela situación o paso deuno a Unión de Sindicatos de Base (USB) convocando o 25 de marzo unha folga xeral á que se adheriron algunhas federacións dos sindicatos maioritarios e tivo un forte seguimento.
CGT en Airbus declarou a folga indefinida. Non basta con denunciar ao sindicalismo maioritario, hai emprazalo, e desde o sindicalismo alternativo, empezando pola CXT, a organizar a folga xeral para esixir ao goberno a paralización de todos os sectores non esenciais e que non haxa nada por encima da vida da xente traballadora.
As cifras esconden a realidade e a dimensión do desastre
O reconto oficial eleva a 17.489 mortos e 170.000 casos, que converte o estado español no que rexistrou unha maior mortalidade por millón de habitantes. E sabemos que os datos oficiais quedan curtos, porque só se teñen en conta os casos en que se fixeron probas, que son moi poucas en comparación coa poboación. O rexistro MoMo de exceso de mortalidade da universidade Carlos III, demostra que a realidade é moito peor: por exemplo, en Castela A Mancha o número de mortos no último mes triplicouse respecto a anos anteriores, pero os datos de Sanidade só recollen a metade dese exceso de falecidos. E, aínda máis, o Tribunal Superior desta comunidade deu a cifra de inhumaciones por posible coronavirus que triplica a cifra de sanidade (2).
Nesta situación de extrema gravidade, as administracións tentan acalar as denuncias do persoal sanitario sobre a falta de seguridade e de recursos. A Confederación Intersindical Galega denunciou que a Xunta de Feijó non renova os contratos temporais de persoal sanitario que contraeu o virus. En Catalunya os sindicatos denunciaban que obrigan a traballar ao persoal sanitario á semana dos síntomas, sen facer unha nova proba que comprobe que xa están curados, e CGT denunciaba as presións do departamento de Saúde para non explicar a grave situación de hospitais e residencias. En Madrid, a Comunidade exerceu moitas presións contra Guillén do Barrio, enfermeiro da Paz, delegado do Movemento Asembleario de Traballadores da Sanidade (MATS), por denunciar a precariedade e os recortes. En Andalucía, prohibiuse informar por circular do director xerente do Servizo Andaluz de Saúde.
As residencias de anciáns convertéronse en trampas mortais (3). A 13/04/2020 supéranse os 10.000 mortos, a maioría en Madrid, Catalunya e Castela e León, e representan un 47% do total de mortos notificados polo Ministerio de Sanidade. Pero segundo estimou a presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, Isabel Díaz Ayuso en TVE, 2.000 anciáns de residencias podían morrer en lugar dos 781 das cifras oficiais, xa que as mortes en marzo triplicaran as cifras dun mes normal. A falta de medios e a privatización das residencias (con todos os seus millonarios beneficios) colapsaron e demostrouse unha vez máis que hai que garantir coidados de calidade nuns servizos públicos de titularidade e xestión directa. As actuais intervencións non poden ser temporais, deben xeneralizarse e integrar esas residencias na rede pública. E agora, é necesario que as Concellerías de Saúde realice os tests para separar casos positivos e proporcionar, xa, equipos EPI a todo o persoal.
A represión continúa e o réxime busca lexitimarse
Coa continuidade do estado de alarma votada o pasado 9 de abril, continúa a represión: máis de 400.000 denuncias e de 3.000 detencións, e iso que non se cansan diariamente, policía e garda civil de dicir que o pobo español é exemplar. O blanqueamiento do exército oculta que nos custa un total de 34.000 millóns de euros este ano (4).
O pasado martes conmemorouse o 14 de abril, 89 anos despois da fuxida do Borbón e a proclamación da república. A Monarquía volve estar cuestionada, pola corrupción que arrastra e a escandalosa impunidade que lle garanten a constitución e os partidos do réxime. En Catalunya, e máis despois do discurso do 3 de outubro de 2017 avalando a represión, o rexeitamento é masivo. Pero tamén crece no resto do estado, como se viu o 21 de marzo cunha boa cacerolada. Por iso desde Loita Internacionalista unímonos ás plataformas 3 de outubro e Plan de choque en Catalunya que impulsan conxuntamente unha nova cacerolada. Tamén no resto do estado fano colectivos republicanos.
A Unión Europea demostra o seu carácter unha vez máis
A UE volveu a demostrar que non é máis que un club de estados para defender os intereses patronais: incapaz de coordinar un plan sanitario común de distribución de persoal sanitario e material aos epicentros da pandemia en Europa, cos enfrontamentos dos estados membros e peches de fronteiras (que non teñen ningún aval científico e en cambio poden complicar a resposta á emerxencia), coa dimisión de Mauro Ferrari, presidente do Consello Europeo de Investigación. Agora, despois de fortes enfrontamentos públicos entre os estados, acaban de desbloquear medio billón de euros, que se suma aos 750.000 millóns de euros decidido inicialmente para comprar débeda dos estados.
A Unión Europea ve como entramos na recesión máis dura desde a de 1929, como afirmaba o Fondo Monetario Internacional (FMI). Volveu a funcionar o axioma "demasiado grande para deixalo caer" que se aplicou aos bancos, agora aplícase en Italia e o estado español. O acceso dos estados a este medio billón non está sometido a plans de axuste ou reformas, como se fixo no caso do rescate de Grecia, que afundiu o país. Tamén se suspenden temporalmente as cláusulas de déficit fiscal. É dicir, o que parecía intocable, non o é cando se pode perder todo.
Pero todo este diñeiro deberase devolver e a débeda será enorme. Entón estará o verdadeiro debate: quen paga a factura? Con plans de austeridade que caerán sobre as costas das clases populares? Ou os grandes financeiros e multinacionais? Porqué esta disxuntiva tensionará a loita de clases, todos os estados prepáranse con medidas represivas para conter o clamor popular. Viktor Orban en Hungría, con plenos poderes ilimitados, estado de emerxencia en Portugal prohibindo as folgas nos servizos esenciais e claves para a produción nacional (por certo, co voto a favor do Bloque de Esquerdas e a abstención do PCP).
Os novos Pactos da Moncloa ou pola "reconstrución" queren ser iso: atar de pés e mans a clase obreira para facerlle pagar a factura mentres se sosteñen os réximes da quebra, incluída a Monarquía, un dos banzos máis débiles en Europa. Prepararnos para esta loita é organizarnos, en movementos, sindical e politicamente.
Notas:
1. Premer en www.ctxt.es: "Bérgamo, la masacre que la patronal no quiso evitar"
2. Premer en www.elpais.com: "España, incapaz de contar las víctimas del coronavirus"
3. Premer en www.luchainternacionalista.org: "Residencias geriátricas y coronavirus: una trampa mortal"
4. Premer en www.enpiedepaz.org: "Los programas de Salud Pública se hubieran triplicado sólo con los 2.000 millones aumentados al Gasto Militar"
(R.)
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario