Celebra connosco o Día do Libro dende a casa
O Concello publicará vídeos con contacontos e audios de fragmentos escollidos e anima á veciñanza a participar na recomendación de libros
Informa: Concello do Rosal
Este ano o Concello do Rosal invita a toda a veciñanza a celebrar o vindeiro 23 de abril un Día do Libro dun xeito diferente e virtual, cunha programación especial que poderá seguirse a través da web do Concello (https://portal.concellodorosal.es) e dos seus perfís das redes sociais. Unha nova xornada que todos e todas debemos pasar en confinamento pero que queremos facer máis levadía dándolle un protagonismo especial aos libros, tanto para nenos e nenas como para adultos.
Programación especial
A programación arranca cunha proposta interactiva na que se invita a toda a veciñanza a facer recomendacións de libros, unha iniciativa aberta a todos os públicos coa que se creará unha selección dos libros que máis gustan aos rosaleiros e rosaleiras que compartir con toda a veciñanza e a través da que se poden descubrir novas lecturas. Como participar? Soamente hai que enviar un correo electrónico a cultura@concellodorosal.es indicando no asunto ‘Día do Libro’ e facendo no corpo da mensaxe a recomendación seguindo o seguinte exemplo:
- Título do libro: “O único que queda é o amor”
- Autor/a: Agustín Fernández Paz
- Frase favorita do libro ou motivo polo que se recomenda: “Todas as experiencias quedan sepultadas na memoria, todas, agardando o instante en que poidan saír á superficie”.
- Foto do libro (opcional): envía unha imaxe do libro se o tes en papel.
O prazo de participación remata o mércores 22 de abril ás 12.00 h.
Todas as propostas recibidas serán publicadas na páxina web e no Facebook do Concello.
Ademais, o Día do Libro os máis pequenos e pequenas da casa poderán desfrutar dos vídeos con contacontos que as mestras e profesoras Miriam Diego, Sandra González Diego, Natalia Cerqueira e Ana Chamosa interpretarán para eles. Mentres, para as persoas adultas publicaranse audios con fragmentos escollidos de libros que serán lidos por Moncho Leal, mestre xubilado; por María Alonso Seisdedos, Premio Nacional de Tradución; por Benito Lobariñas, mestre e músico regueifeiro; e por Ana Chamosa, profesora de secundaria.
Dende o Concello queremos agradecer a colaboración desinteresada de todas as persoas que participan neste proxecto, iniciativas culturais tan necesarias nestes intres.


Ningún comentario:
Publicar un comentario