14 de xan. de 2026

TURISMO

Ánxela Fernández Callís, nova representante institucional do Xeodestino Galicia Suroeste 

 Galicia Suroeste presentou en Nigrán a súa campaña turística ‘Única’, que levará a vindeira semana a FITUR  


A rexedora rosaleira tomou o relevo do alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, no acto de presentación da nova campaña de promoción turística “Única” en Nigrán
Foto: G.S.

Infogauda / Nigrán

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, é a nova representante institucional do Xeodestino Galicia Suroeste. A rexedora rosaleira tomou o relevo do alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, no acto de presentación da nova campaña de promoción turística “Única” en Nigrán.  

 A iniciativa, que marca o inicio da campaña promocional, foi unha primicia para todas as persoas asistentes, que puideron coñecer o contido da campaña e as diferentes accións que serán realizadas neste 2026 desde o Xeodestino Galicia Suroeste, no seu afán de diversificar a súa oferta, redistribuír os fluxos entre os diferentes concellos que forman parte desta figura de promoción conxunta e axudar no desenvolvemento económico e sostible do territorio.  

 “Única” preséntase como unha campaña directa, agresiva e rompedora, nun formato máis publicitario, onde as imaxes xeran a necesidade de coñecer e visitar un territorio inigualable. Unha proposta que reivindica a autenticidade e o carácter irrepetible dun territorio único.  

 A campaña nace co propósito de poñer en valor aquilo que fai especial o suroeste galego: a súa natureza diversa, o seu patrimonio cultural, a súa gastronomía atlántica e o carácter acolledor das súas xentes. O concepto subliña que cada experiencia vivida en Galicia Suroeste é singular, auténtica e imposible de replicar noutro lugar.  

 Con esta iniciativa, Galicia Suroeste procura consolidarse como un destino atractivo para un turismo responsable, que respecte o territorio e contribúa ao desenvolvemento económico local. A campaña estrutúrase arredor de catro eixos fundamentais: a natureza, a identidade, a cultura e a historia.  

 O vindeiro xoves 22 de xaneiro ás 17:50 horas, os concellos do territorio volverán estar en FITUR, un dos principais encontros do sector turístico de Europa para conquistar ao público coas bondades dunha terra, como ben indica a campaña “Única”. Aínda que o avance foi realizado xa no territorio, a entidade garda algunha pequena sorpresa para as persoas que se intereses polo destino en Madrid.  

 A campaña promocional, así como os actos de presentación contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do convenio de colaboración entre Galicia Suroeste e a Axencia de Turismo de Galicia, para a promoción e a dinamización do Xeodestino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario