A conselleira do Mar e o titular de Medio Rural veñen de remitir unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación con estas demandas
Galicia reclama medidas fiscais inmediatas de apoio ao sector primario para facer fronte ás súas dificultades polo estado de alarma
Rosa Quintana e José González reiteran a lealdade institucional da Xunta co Goberno central, pero piden ao tempo que se teñan en conta as comunidades autónomas para adaptar aos distintos territorios as medidas aprobadas
Insisten en solicitar a Madrid -como xa fixo o presidente galego- a suspensión da presentación de autoliquidacións de impostos e a axilización das devolucións pendentes aos autónomos e empresas do sector primario polo IVE
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o
conselleiro do Medio Rural, José González, veñen de remitir unha carta
ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, na que
reclaman diferentes medidas fiscais de apoio ao sector primario, de
aplicación inmediata, para facer fronte ás dificultades que se lle
presentan no actual estado de alarma polo coronavirus.
Na misiva
ambos conselleiros comezan amosando, dende a lealdade institucional, o
apoio ás diferentes medidas adoptadas polo Goberno central, pero
reclamando ao tempo a necesidade de contar coas comunidades autónomas no
seu deseño e aplicación. Así, proponse que “de agora en diante” este
tipo de decisións sexan previamente comentadas e consensuadas coas
autonomías, de cara a unha mellor adecuación ás características de cada
territorio.
En relación coas devanditas medidas fiscais, os
conselleiros fan especial fincapé en dúas. En primeiro lugar, a
suspensión da presentación de autoliquidacións de impostos que teñan uns
prazos de vixencia que venzan durante o estado de alarma, en especial o
IVE, para todos os operadores do sector primario. Así, demandan que se
suspendan as autoliquidacións por este imposto, correspondentes ao
primeiro trimestre de 2020, e que teñen como prazo límite o 20 deste
mes. E engaden que esta suspensión “debería manterse cando menos ata o
20 de xullo”, data da presentación das autoliquidacións do segundo
trimestre.
Devolucións do IVE
En segundo termo, os
representantes da Xunta reclaman axilizar as devolucións pendentes aos
autónomos e empresas do sector primario polo IVE, tanto as de exercicios
anteriores como aos dos períodos do 2020 anteriores á declaración do
estado de alarma. Os conselleiros lembran, neste sentido, que as dúas
medidas fiscais xa foron tamén demandadas polo propio presidente do
Executivo galego ao seu homólogo do Goberno central, en referencia ao
conxunto dos sectores produtivos. Recordan, así mesmo, que Galicia xa
suspendeu os prazos de presentación de autoliquidacións dos principais
impostos autonómicos ata o vindeiro 30 de xuño ou ata un mes despois da
finalización do estado de alarma.
No escrito advírtese que esta
suspensión, para pemes e autónomos, aliviaría boa parte do problema no
sector primario e ademais considérase que sería asumible polo Estado e
evitaría custos administrativos difíciles de cumprir na situación de
confinamento. Por outra banda, permitiríalles manter liquidez sen
necesidade de acudir ao endebedamento bancario.
Por último, ambos
conselleiros propoñen que as devolucións do IVE se fagan neste mes de
abril, xa que esta medida podería dar liquidez ás empresas galegas por
un importe estimado de arredor de 400 millóns de euros. Considérase
ademais que só en ramas de actividade como as conserveiras ou a
industria de elaborados conxelados da nosa comunidade, estas devolucións
de IVE pendentes poderían superar os 30 millóns de euros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario