A SECCIÓN SINDICAL DA CIG EN VITRASA DENUNCIA O XEITO DE ACTUAR DA DIRECCIÓN DA EMPRESA
Infogauda / Vigo
Desde
a sección sindical da CIG en Vitrasa denuncian o xeito de actuar da
dirección da empresa en todo o que ten que ver coa xestión da crise
sanitaria motivada polo novo coronavirus. “Non soubo estar á altura
das circunstancias, e dende o primeiro momento negáronnos calquera das
solicitudes que realizamos, até que as circunstancias lles obrigaron a
atendelas”.
Entre estas peticións, salientan algunhas “tan sinxelas”
como realizar o ERTE en días continuados, non separar as parellas que
normalmente traballan xuntas ou sacar cada quenda un autobús limpo e
desinfectado desde cocheiras. “Pero non foron nin sequera valoradas pola empresa”, critican.
Outras solicitudes como o uso de luvas por parte do persoal de condución “custou
moito que se levasen a cabo; por non mencionar a colocación das actuais
mamparas, a entrada pola porta traseira, os baños ou a anulación do
pago en efectivo, que non se realizou ata o último momento, cando a
empresa asegurouse que o Concello abonaría os pasaxes que deixasen de
cobrarse”.
Por todo isto, lamentan que “está claro que é mais importante a conta de resultados que a seguridade e o benestar dos empregados/as”.
Ao
mesmo tempo, consideran que o protocolo que a empresa puxo en marcha
hai dous días para detectar o persoal especialmente sensible deberan
telo aplicado dende o inicio do estado de alarma. “E mesmo antes, xa
que dende o 5 de marzo o Ministerio de Sanidade iniciou un procedemento
de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte ao
coronavirus”.
De
igual xeito, a empresa ten ao seu dispor dende hai días máscaras
homologadas enviadas polo Ministerio de Transportes que pode recoller en
Correos até o 17 de abril e que en caso de non seren retiradas pola
empresa destinaranse a outros usos. “A día de hoxe a única entrega de máscaras por parte da empresa foron sen homologar, veremos se estas chegan ao persoal”.
Tamén
lembran que o Concello de Vigo vén de aprobar unha medida que protexe
do ERTE a unha serie de traballadores/as de servizos municipais, “pero Vitrasa non solicitou do Goberno local ese beneficio para os seus empregados/as”.
Dende a CIG-VITRASA entenden que teñen os mesmos dereitos que o resto de concesionarias “e
imos reclamar todos e cada un deles, porque tristemente queda
demostrado que Vitrasa ten máis interese en facerse a foto solidaria e
quedar ben co Concello que en protexer os empregados/as e os seus
salarios”.
Finalmente, sosteñen que quedou demostrado que reivindicacións como as mamparas, os baños e as tarxetas moedeiro “que
se levaban pedindo dende hai moito tempo e nunca se chegaron a
conseguir pódense realizar en tempo récord, e é por iso que non imos
permitir que tras a finalización do estado de alarma volvan retirarse”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario