A Central de Coordinación 061 atendeu desde o inicio da pandemia máis de 195.000 chamadas, 47.400 relacionadas co COVID-19
A liña 900 400 116 de información á cidadanía sobre dúbidas e sintomatoloxía do COVID-19 recibiu máis de 65.000 chamadas dende a súa posta en funcionamento
Almuiña visitou esta mañá o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias e destacou que se realizaron máis de 3.300 traslados en ambulancia de pacientes por infección por coronavirus
O 061 reforzouse con máis teleoperadores e máis persoal de medicina e enfermería, tamén con ambulancias específicas para traslado de pacientes sospeitosos ou confirmados de infección
O
conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña - á dereita da imaxe -, nunha visita
realizada esta mañá ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A Central de Coordinación de Emerxencias Sanitarias de Galicia
atendeu dende o inicio da pandemia un total de 195.041 chamadas. Deste
total, 47.481 chamadas foron por temas relacionados co COVID-19.
O
conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou nunha visita
realizada esta mañá ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, que o
pasado 18 de marzo recibíronse 5.956 chamadas. Esta é a maior cifra de
chamadas respondidas nunha xornada dende a creación do 061 en 1995, e
son case 2.000 chamadas máis que o número máximo acadado en períodos de
gripe.
Pola súa banda, o servizo de call center que recibe as
chamadas na liña 900 400 116 para facilitar información á cidadanía
sobre os síntomas do COVID-19 recibiu dende o 17 marzo (día no que se
iniciou) un total de 65.053 chamadas. O número máximo de chamadas
contestadas na liña 900 foi o pasado 20 de marzo, cando se atenderon
6.474 chamadas.
Ademais, a Central de Coordinación realizou un
total de 3.310 traslados en ambulancia a pacientes por motivos
relacionados por infección por coronavirus.
Reforzos de persoal
A
Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforzou o seu
persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia
sanitaria ás urxencias e ás emerxencias que se produzan na Comunidade
Autónoma galega sexa axeitada durante esta situación.
Así,
reforzouse as presencias por quenda dos profesionais médicos
coordinadores, pasando dun máximo de 8 profesionais por quenda que había
antes da pandemia ata un máximo de 13 no momento actual. O número
destes profesionais adáptase cada día en función do estudo de chamadas
do día anterior e das horas de concentración das mesmas.
Tamén se
reforzou o persoal de enfermería de consulta pasando de un profesional
de enfermería por quenda ata un máximo de 5 enfermeiros, tamén en
función das demandas de cada xornada.
Así mesmo, os teleoperadores
pasaron dun máximo de 11 profesionais por quenda ata acadar os 19
profesionais en cada quenda. Ademais, engádense a presencia de máis
teleoperadores en momentos puntuais que acodiron de forma voluntaria.
Con
respecto da liña de chamadas gratuítas 900 400 116, iniciada o día 17
de marzo, a presencia de teleoperadores varía adaptándose á
concentración de horas chegando a estar 100 teleoperadores ao mesmo
tempo nas horas de máxima concentración de chamadas. O horario deste
call center é das 8h ás 24 horas, asumindo a Central de Coordinación 061
as chamadas que se realizan a este número o resto das horas.
Reforzo da rede de ambulancias
O
061 tamén reforzou a rede de transporte sanitario urxente de Galicia
con ambulancias específicas para traslado de pacientes sospeitosos ou
confirmados de infección por Covid-19 nas áreas nas que a demanda de
traslados é maior. O número de ambulancias coas que se reforza varía
segundo esta demanda.
Este reforzo permite que a rede de
ambulancias continúe realizando unha atención de calidade a todas as
patoloxías, urxencias e emerxencias como infartos agudos de miocardio,
ictus, sepsis, politraumas… non relacionadas coa infección por
coronavirus.
Así mesmo, este esforzo no reforzo de material
posibilita optimizar o emprego dos recursos para o traslado de pacientes
e mellorar nos tempos de resposta, xa que os recursos destinados a
Covid-19 obrigan logo do seu uso a unha limpeza e desinfección polo que o
tempo no que esta ambulancia volve a estar operativa é maior que a que
non está destinada ao traslado de pacientes por coronavirus.

Ningún comentario:
Publicar un comentario