A Xunta de Galicia flexibiliza as obras no interior de edificios e os desprazamentos a hortas de autoconsumo
O
vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a sétima reunión
do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), onde tamén participan a
Delegación do Goberno e a Federación Galega de Municipios e Provincias
(Fegamp)
O vicepresidente da
Xunta, Alfonso Rueda presidiu hoxe a sétima reunión do Centro de
Coordinación Operativa (Cecop)
Foto: X.G.
A Administración autonómica prepara a reapertura nos servizos de rexistro e atención á cidadanía, que retomarán a súa actividade cun sistema de cita previa
Outra das medidas acordadas no seo do Cecop foi a de clarificar o permiso para a recollida da comida preparada en restaurantes, que está autorizada
Poderán realizarse, sempre adoptando as medidas de prevención e protección da saúde, traballos e obras puntuais que teñan como obxectivo realizar reparacións urxentes tanto en espazos ou elementos comúns en edificios con residentes
Acordouse estender ao mes de maio o pago da mensualidade do alugueiro aos beneficiarios do Bono alugueiro social, polo que a Xunta cubrirá ao 100 % o custe do alugueiro da vivenda de 700 familias pertencentes a colectivos desfavorecidos
Foi aprobado a posta en marcha da elaboración dun Plan de Seguridade Hixiénico-Sanitaria para establecementos turísticos, así como certificacións de calidade e seguridade sanitaria
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia acordou flexibilizar
as obras no interior dos edificios e os desprazamentos a hortas de
autoconsumo, polo cal se poderán realizar desprazamentos para o
mantemento e atención das leiras sempre dentro do termo municipal da súa
residencia habitual. No caso de que a horta estea nun concello
diferente ao da súa vivenda habitual, permítese o desprazamento sen
superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa.
O vicepresidente da
Xunta, Alfonso Rueda presidiu hoxe a sétima reunión do Centro de
Coordinación Operativa (Cecop), onde se acordaron os criterios de
interpretación que clarifican as posibilidades de actuación en obras en
interior dos edificios ocupados. Esta decisión adoptouse para atender a
demanda dos sectores profesionais afectados –uns 20.000 autónomos en
Galicia- pola orde ministerial do 12 de abril, que recolle a
prohibición de realizar obras en edificios ocupados, agás obras puntuais
de reparacións urxentes ou nas que se poida garantir que non se
producen interferencias entre os usuarios e os residentes.
Así,
seguindo os criterios de interpretación da Cecop, poderán realizarse,
sempre adoptando as medidas de prevención e protección da saúde
establecidas, traballos e obras puntuais que teñan como obxectivo
realizar reparacións urxentes de instalacións ou avarías, tanto en
espazos ou elementos comúns do edificio, como nos elementos privativos
do mesmo. Tamén se consideran reparacións urxentes as obras xa iniciadas
que se viron afectadas pola paralización derivada das medidas do estado
de alarma reforzado. É o caso da instalación, substitución ou
reparación de ascensores, de obras para garantir a accesibilidade ou da
reparación ou remodelación do interior de vivendas ocupadas na que o
estado actual da intervención afecte de modo significativo ás condicións
de habitabilidade.
No caso das vivendas unifamiliares, poderán
realizarse intervencións sempre que se garanta que a execución das
obras, movemento de obreiros e transporte de materiais se realizan por
espazos exteriores ou por espazos interiores que serán utilizados en
exclusiva polos operarios, sen interferencia cos ocupantes das vivendas.
Medidas no rural
En
relación coa mobilidade dos traballadores ás hortas de autoconsumo, o
Cecop determinou que as persoas que teñan cultivos ou viñedos
considerados como tales, é dicir, con fins non comerciais, e polo tanto
non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os
desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención
das súas leiras sempre dentro do termo municipal da súa residencia
habitual. No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa
vivenda habitual, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5
quilómetros de distancia desde a casa. En ambos casos, deberán aportar
unha declaración responsable. Desta forma, elimínase a anterior
limitación, que era de 500 metros. Así, a consellería do Medio Rural
aprobará unha modificación da orde para regular este aspecto.
O
Comité aprobou permitir a realización de queimas de restos agrícolas
amoreados en terreos agrícolas de explotacións profesionais cando a
devandita actuación se faga para evitar problemas fitosanitarios nas
explotacións agrícolas. Para a tramitación das solicitudes e a obtención
da correspondente autorización, os cidadáns deberán dirixirse aos
Servizos provinciais de Prevención de Incendios a través de correo
electrónico, e deberán incluír unha declaración responsable da persoa
titular da explotación que xustifique a necesidade de realización da
queima.
Tamén en relación coa prevención dos incendios forestais,
nesta xuntanza o Comité acordou levantar a suspensión do prazo legal
para cumprir coa obriga de execución da xestión da biomasa nas franxas
secundarias (as dos 50 metros próximos ás vivendas). Así, engádense ao
prazo habitual do 31 de maio os días transcorridos durante o estado de
alarma, sen que en ningún caso poidan realizarse as limpezas máis alá do
31 de xullo de 2020 inclusive.
or último, o Comité decidiu tamén
aclarar como “funcións de carácter esencial” as desempeñadas polas
entidades locais no marco dos convenios interadministrativos para a
participación na prevención e defensa contra os incendios forestais,
para garantir así a súa actividade durante a emerxencia sanitaria.
O
Cecop tamén informou dos avances de cara ao desenvolvemento dun plan de
seguridade hixiénico sanitaria no eido turístico que contemple medidas
para reforzar a confianza nesta industria unha vez rematen as
restricións impostas pola crise sanitaria
Atención presencial no rexistro e atención á cidadanía
Nesta
mesma liña, ponse en marcha tamén o protocolo de medidas preventivas
fronte ao coronavirus nos servizos de rexistro e atención á cidadanía
unha vez sexan abertos ao público. Este protocolo establece as medidas
referidas ás oficinas de atención á cidadanía para compatibilizar a
adecuada prestación do servizo público coa máxima protección da saúde
dos traballadores que realizan esa tarefa.
De cara a organizar
axeitadamente a atención ao público e minimizar os riscos de exposición,
tanto para os empregados públicos coma para os usuarios das oficinas,
esta atención presencial realizarase solicitando cita previa a través da
web www.xunta.gal/cita-previa,
en horario de 9 a 14 horas, salvo que polo volume de peticións de citas
sexa necesario amplialo. Igualmente, as citas deberán solicitarse cun
mínimo de 24 horas de antelación. Estas citas serán atendidas nos
rexistros xerais ubicados nos edificios administrativos da Xunta de
Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol e
adoptaranse as medidas necesarias para garantir que as citas se asignan
coa frecuencia precisa para que non haxa aglomeracións de persoal na
oficina.
Bono alugueiro social
A Cecop tamén informou de
que a Xunta estende ao mes de maio o pago da mensualidade completa do
alugueiro aos beneficiarios do Bono alugueiro social. Tal e como fixo
coa mensualidade de abril, a Xunta cubrirá ao 100 por cento do custe do
alugueiro da vivenda de de 700 familias pertencentes a colectivos
desfavorecidos como desafiuzados por impago do alugueiro ou da hipoteca,
afectados por incendios e inundacións, familias en situación de
emerxencia social, etc. Igualmente, o IGVS e Xestur non presentarán, nin
esixirán o pagamento inmediato dos recibos do alugueiro das vivendas e
dos locais comerciais da súa titularidade correspondente ao mes de maio;
nin a renda ou canon dos alugueiros ou dereitos de superficie das
parcelas da súa titularidade.
Outra das decisións adoptadas é que o
IGVS e Xestur poderán conceder prórrogas ou ampliacións de prazos aos
adquirentes de solo empresarial, en réxime de compravenda ou dereito de
superficie, que o soliciten para executar a edificación e implantación
da actividade en dita/s parcela/s, sempre que quede debidamente
acreditada a incidencia por mor da crise sanitaria do COVID-19.
Caza
Por
último, o Cecop decidiu trasladar ao Goberno do Estado dúas decisións. A
primeira, autorizar accións de caza de xeito excepcional naquelas zonas
con maior risco, como medida para evitar posibles incidencias que a
fauna salvaxe poida provocar e primar así a seguridade das persoas e do
tráfico viario, ademais de reducir os danos nas extensións agrarias, no
inicio da época de semente. A Xunta decide comunicar esta decisión,
despois de que que o Ministerio de Política Territorial e de Agricultura
trasladara instrucións contraditorias ao respecto.
O segundo
asunto que se trasladará é o criterio propio establecido polo Instituto
Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) sobre os tratamento dos
EPIs (máscaras, guantes de látex, etc), naquelas empresas nas que a
presenza COVID-19 constitúe unha situación excepcional, polo que este
refugallo deberá depositarse coa fracción resto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario