25 de abr. de 2020

GALICIA

Nesta semana, a Secretaría Xeral para o Deporte mantivo encontros virtuais coas federacións deportivas galegas de baloncesto, balonmán, ciclismo, tríatlon e voleibol 

A Xunta de Galicia traballa nun plan de continxencias elaborado con expertos para planificar o futuro da actividade física e o deporte en Galicia  

Recórdase a todas as federacións que a actividade 6/16 escolar e federativa non será retomada ata o vindeiro mes de setembro se así o permiten as circunstancias

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo galego 
Foto: X.G.

Moitas federacións xa comezaron a percibir as contías dos convenios de colaboración para evitar situacións de impagamento ou atrasos que poidan poñer en risco a súa viabilidade financeira

Infogauda / Galicia

  A Secretaría Xeral para o Deporte continúa coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo galego para estudar as diferentes medidas a tomar para minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no eido deportivo. Esta semana foi a quenda das federacións deportivas galegas de ciclismo na xornada do luns, balonmán na xornada do martes, baloncesto na xornada do mércores, voleibol na xornada do xoves e tríatlon no día de hoxe. A todas elas, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, avanzoulles que a Xunta de Galicia xa traballa nun Plan de Continxencias, elaborado con expertos, para planificar o futuro da actividade física e o deporte en Galicia. Un estudo no que se concretará en detalle cando e como recuperar á normalidade deportiva e de competición.
 
 Nestas reunións, federacións e Xunta analizaron o estado do convenio de colaboración asinado entre os dous entes para realizar na súa integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme á Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade. Cómpre salientar que moitas federacións xa comezaron a percibir estas contías para evitar situacións de impagamento ou atrasos que poidan poñer en risco a súa viabilidade financeira.

 Do mesmo xeito, estudáronse as posibilidades de resolver as competicións que quedaron suspendidas polo coronavirus ou o xeito de retomar a actividade deportiva con todas as garantías de seguridade. A todos os responsables, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, trasladoulles que “a actividade non poderá reiniciarse ata que existan garantías absolutas de seguridade e hixiene e non se poidan producir contaxios”. En todo caso recórdase a todas as federacións que a actividade 6/16 escolar e federativa non será retomada ata o vindeiro mes de setembro, sempre e cando o permita a situación.

Federación Galega de Ciclismo

 No que respecta á actividade ciclista, o secretario xeral e o presidente da federación Juan Carlos Muñiz, analizaron as posibilidades de retomar a competición no último trimestre do ano polo que tamén se estudou como controlar ao público nas probas ao aire libre. A opción de ter que cancelar a tempada tamén foi valorada. A Copa de España de Ciclismo en Estrada e a Volta a Galicia adiáronse ao mes de setembro, en función da evolución dos feitos.

Federación Galega de Balonmán

 No caso de balonmán, o secretario xeral para o Deporte felicitou ao presidente Bruno López e a toda a directiva polo bo traballo realizado que permite que hoxe a federación transite por un escenario de estabilidade, así como polo traballo de teleformación impulsado desde a propia federación. No que atinxe á competición, valoráronse as opcións de resolver as ligas de Primeira Autonómica -a expensas do que faga a Real Federación Española de Balonmano, así como no caso das competicións nacionais-, Segunda Autonómica -varios escenarios- e as ligas inferiores nas que con toda seguridade se dea por finalizada a tempada sen ascensos nin descensos. Esta decisión tomarase nunha asemblea convocada pola federación.

Federación Galega de Baloncesto

 Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, amosou a súa preocupación, que fixo extensible a todos os presidentes federativos, ante a resolución do Consejo Superior de Deportes que establece que as federacións deportivas son entidades vinculadas ou dependentes a unha Administración Pública e, en consecuencia, parte do sector público institucional. En relación ás competicións autonómicas, a proposta para determinar a fin da competición será valorada pola Xunta Directiva e a Comisión Delegada o vindeiro luns.

Federación Galega de Voleibol

 No caso de voleibol, o presidente da federación, José Ángel Luna, informou de que neste momento non se ten tomada ningunha decisión oficial sobre o reinicio ou fin das competicións, pero que se intentará retomar a tempada actual, na medida do posible. Do mesmo xeito valórase a opción de realizar un torneo previo ao inicio da próxima tempada para establecer ascensos e descensos.

Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno

 No día de hoxe, a Secretaría Xeral reuniuse coa Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno. O presidente, Gonzalo Triunfo, destacou a importancia da garantía do financiamento autonómico que entre o convenio e as licenzas suma o 70% dos seus ingresos. Perante a volta á competición, estanse a valorar diversos escenarios pero resulta moi complicado retomar a actividade en breve.

 O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).

Ningún comentario:

Publicar un comentario