A Xunta de Galicia mantén todas as axudas e recursos orzamentarios destinados á atención ás vítimas de violencia de xénero
O
vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral da
Igualdade, Susana López Abella, mantiveron hoxe unha reunión por
videoconferencia coas representantes dos Centros de Información á Muller
(CIM)
Foto: X.G.
Os 82 CIM que hai en Galicia seguen prestando atención por vía telefónica, telemática e mesmo presencial nos casos graves
A Xunta puxo en marcha un Plan de reforzo de atención ás vítimas durante o Estado de Alarma que inclúe medidas como a ampliación do bono alugueiro social ou a garantía de recursos de acollida para aquelas mulleres que o precisen
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia segue mantendo todas as axudas e
recursos do seu orzamento para atender ás vítimas de violencia de
xénero, entre as que se inclúen as prestacións económicas, o
asesoramento psicolóxico, o mantemento dos Centros de Información á
Muller ou as casas de acollida.
A sí o explicou hoxe o
vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras manter unha reunión por
videoconferencia con representantes dos Centros de Información á Muller
de Galicia (CIM), na que tamén participou a secretaria xeral da
Igualdade, Susana López Abella. No encontro virtual participaron as
representantes da directiva da Asociación de Profesionais dos CIM
(Asocim) e de centros dalgúns concellos.
A reunión de hoxe
encádrase dentro dunha liña de comunicación constante. Os Centros de
Información á Muller son de titularidade municipal e “son o primeiro
recurso ao que acoden moitísimas mulleres, non só para a demanda de
información, senón en moitos casos cando están sufrindo violencia de
xénero”, destacou o vicepresidente.
A Xunta financia o seu
mantemento todos os anos. En 2020 esta liña de axudas ascende a 4,4
millóns de euros, e o investimento supera os 39,5 millóns de euros se se
computa desde 2009.
En Galicia hai funcionando actualmente un
total de 82 CIM, espallados por todo o territorio. Ante a pandemia de
coronavirus, todos os centros están funcionando, prestando atención por
vía telefónica e telemática, e mesmo ofrecendo atención presencial
naqueles casos de maior gravidade.
O vicepresidente fixo un
chamamento ás mulleres que poden estar sufrindo violencia de xénero
durante o confinamento e animounas a “denunciar, saír desa vivenda e que
saiban que a Xunta de Galicia lles axudará e dará recursos para que
teñan un sitio a onde ir e non teñan que estar confinadas co seu
agresor”.
Ademais, sinalou que consta que hai situacións que non
se están denunciando durante este período pero que “cando acabe o
confinamento necesitan ser atendidas, porque sairán á luz. Por iso, xa
estamos falando cos CIM para prever esta situación e estar preparados
para atender ás vítimas”.
Plan de reforzo de atención ás vítimas
A Xunta puxo en marcha, desde o primeiro momento, un Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero.
Este
Plan inclúe, entre outras medidas, a ampliación do bono alugueiro
social para as vítimas de violencia de xénero, ata poder chegar a asumir
a Xunta o pagamento do 100% do alugueiro, para paliar o impacto
económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.
Ademais,
mantéñense totalmente operativos os centros de acollida ata completar
capacidade e, en caso de precisarse máis prazas, habilitáronse vías
alternativas, como a posibilidade de usar hostais ou pensións dentro do
acordo coas Federacións de empresas hoteleiras; ou as instalacións da
Academia Galega de Seguridade Pública que conta con cuartos habilitados.
En todos estes casos constituiríanse grupos de intervención e apoio
psicolóxico, social e de asesoramento xurídico e o traslado das vítimas
facilitarase mediante a colaboración coa Federación Galega do Taxi.
Recentemente,
tamén se acordou reforzar a colaboración coa Rede galega contra a trata
para atender situacións de especial vulnerabilidade causadas pola crise
do coronavirus.
Tamén se mantén activo servizo de atención
telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero
(900400273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que
entran a través do 016. Ademais, opera con normalidade o asesoramento
xurídico en liña e seguen operativas as terapias de apoio psicolóxico,
tanto en atención presencial como a través de sesións telemáticas ou
telefónicas, ao igual que o contacto coas vítimas de violencia sexual.
Continúa
funcionando o servizo de quenda de garda psicolóxica permanente e
especializada que presta apoio nos momentos iniciais de presentación da
denuncia; e o apoio psicolóxico e social nas Oficinas de Atención ás
Vítimas que funcionan nas sedes xudiciais das sete cidades galegas.
Mantéñense
operativos -en liña, por teléfono ou por correo electrónico- os
servizos administrativos de carácter esencial para as vítimas, e o pago
de todas as axudas económicas, que ademais seguirán a tramitarse na sede
electrónica da Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario